Miércoles 26.06.2019

Tito Pérez: “No libro dáse un contraste entre os maiores e os novos que xa son urbanitas”

O coruñés presenta o martes, ás 20.00 horas, na librería Sisargas “O latexar do barrio” (Do Peirao), no que describe Monte Alto, os seus personaxes e historias. E cada un entende o que quere

Tito Pérez estará o martes, ás 20.00 horas, na librería Sisargas para presentarlo
Tito Pérez estará o martes, ás 20.00 horas, na librería Sisargas para presentarlo

“Digamos que Monte Alto non sae nin ben nin mal parado”. Sae, sen máis, e rezuma vida e como un perímetro de contrastes que é, o barrio funciona de telón de fondo de diferentes relatos que levarán ao lector a recunchos que pisa a diario. Fará que ula aos doces da confitería París para tomarse un kebab ou tomar un viño na Torre. Conta Tito Pérez que en “O latexar do barrio”, quixo facer unha serie de fotografías sobre os personaxes, as pasaxes e os negocios que teñen ou tiveron acubillo no 15.002 para reflectir a súa realidade e aínda que a maioría dos contos están situados no presente, o escritor pica do pasado e acode á posguerra para seguir avanzando. 

“Son historias de finais do século pasado e actuais”, que foron xurdindo desde que publicou o anterior libro “Vinte fragmentos da mocidade voraz” coa intención de representar á sociedade galega. Ambientado na Coruña e algún na zona de Lugo, onde están as súas orixes, os escritos deixan ver que moitos dos coruñeses veñen da aldea, “e no volume dáse un contraste entre os maiores e os novos que xa son urbanitas”. Sobre se el está nalgún dos protagonistas, Tito prefire deixalo á interpretación do lector. Dos outros, explica que están os que lle chamaron a atención de sempre, os máis representativos dunha zona que retrata coas súas rutinas, e entre o tumulto, cólanse os macarras, que dan palos na rúa e convértense en xonquis. Hai moitos conflitos entre rapaces e pais e avós, perfís que introduce en solitario ou e familia para meter no pote á crise económica e outras cuestións da época. 

Porque “neno” forma parte do léxico, Tito cre que non hai que ir lonxe para escribir. Que o de aquí tamén vende e atrae e que  a literatura galega ten moitos libros ambientados no rural, pero poucos nas cidades. “O latexar do barrio” trata de compensalo e confirma que calquera urbe galega pode ser o escenario. O coruñés escribe do seu e o resultado vén cuberto por unhas tapas onde se pode ver a avenida de Hércules coa tenda de mobles e o mercado aí ao final. O martes estará ás 20.00 horas na librería Sisargas para falar do que fixo, describir e non xulgar. Pasarlle a pelota ao que o le para que sexa el o que saque as súas propias conclusións.

Comentarios