Tanxugueiras: “É un orgullo que un tema en galego, e con pandeireta, tivese esa aceptación"

Un momento da actuación da final do Benidorm Fest | Rocio Cibes

Tras a forte pegada que causaron a nivel nacional no Benidorm Fest, Tanxugueiras comezan esta noite a súa nova xira na sala Pelícano, onde o público, tal e como explica Olaia Maneiro, pode esperar unha boa foliada.


Hoxe comezan a xira, como a afrontan?

Con moitísimas ganas e moi ilusionadas porque imos visitar por vez primeira moitos festivais e cidades nas que non estiveramos como Tanxugueiras. Teremos moitas actuacións fóra de Galicia, así que etamos moi contentas por levar a nosa cultura polo mundo adiante, mais tamén teremos unha chea delas na nosa terra. Para nós esta xira é un soño.

Que pode esperar o público que acuda ao concerto na Pelícano?

Vai ver un directo moi potente e enérxico, de tres mulleres que viñeron para quedar e que teñen moitas ganas de estar enriba do escenario. O público verá as percusións tradicionais pero tamén a mestura coa electrónica. Haberá moito baile e moita pandeireta. Imos montar unha boa foliada!

As entradas voaron en cuestión de horas, esperaban esta resposta?

É incrible, aínda non damos asumido todo o que estamos a vivir. Nos últimos concertos da xira “Contrapunto” si que se esgotaban todas as entradas, pero é que a venda das entradas da Coruña ou de Vigo foron antes do Benidorm Fest. Foi impresionante vender todo en menos de 10 horas!


A xira servirá para presentar en directo os novos temas, que pode esperar o público do vindeiro disco?
Esperamos sorprender, que gocen coa nosa música tanto coma nós gozamos creando e compoñendo. Escoitarán moitas sonoridades modernas pero sen esquecer a nosa raíz, a música tradicional, da que estamos orgullosas.

Cales serán as principais diferencias cos anteriores?

A principal é o uso dos elementos electrónicos. Ainda que nós, especialmente en “Contrapunto”, apostamos moito por esa reformulación das coplas, dos ritmos... Aquí imos con todo. Desde “Midas” todo foi un punto de inflexión. Logo veu “Telo”, “Figa”, “Terra”, “Averno”... Imos paseniño pero temos claro que o que queremos é sacar temas con forza e sen clixés.

Pasados case dous meses, que valoración fan do paso polo Benidorm Fest?

Foi todo moi intenso. Pero sen dúbida, e cremos que é comun para todas as participantes, foi moi positivo para visualizar o noso traballo. Contar tamén co apoio do público foi moi importante, foi todo tan intenso que aínda estamos a dixerir todo o que vivimos mentres que facemos o que levamos facendo todos estes anos: traballar e tocar.


Esperan que “Terra” tivese tan boa acollida fóra de Galicia?

Non contabamos para nada e desde logo é marabilloso ver a acollida que tivo a nosa cultura, é un orgullo que un tema en galego, con pandeireta, tivese esa aceptación por parte do público de todo o Estado e tamén de Europa. Estamos moi felices porque demostramos que a música e, concretamente, as músicas de raíz, son algo universal, que todas as culturas están unidas por un fío invisible. E que non hai fronteiras, claro.

Cren que servirá para que máis xente teña a oportunidade de coñecer a nosa música?
Oxalá que si. E que sirva para poñer en valor a música que fai Mercedes Peón, Guadi Galego, Leilía, Baiuca, Xisco Feijoó e tanta xente marabillosa e con moitísimo talento.

Cren que a música tradicional, e en galego, vive un bo momento?

Agora mesmo vive unha vaga impresionante de orgullo, de identidade, de recoñecemento. Oxalá se manteña moito tempo. Nos nosos concertos sempre vemos moitas nenas pequenas, oxalá este momento que estamos a vivir sexa moito máis intenso para elas nuns anos.


Que metas se plantexan na actualidade?

Non hai fronteiras para Tanxugueiras! Mais, polo de agora, pechar a xira “Midas” e rematar cos últimos detalles do disco, do que nunhas semanas anunciaremos novidades.

Tanxugueiras: “É un orgullo que un tema en galego, e con pandeireta, tivese esa aceptación"

Te puede interesar