Sumrrá | “A verdade é que non temos nada que perder, e con esa actitude é coa que sempre ganas”

Sumrrá | “A verdade é que non temos nada que perder, e con esa actitude é coa que sempre ganas”
el ideal gallego-2019-05-21-036-d6b2becc

Sumrrá é un trío conformado por tres músicos, Manuel Gutiérrez ao piano; Xacobe Martínez ao contrabaixo; e L.A.R. Legido á batería, e son considerados pola prensa especializada como un dos tríos de jazz máis interesantes e actuarán, xunto a Laura Iturralde, o próximo xoves ás 20.30 horas no teatro Colón.

Aínda que, no caso de ter que etiquetar a súa música, Xacobe Martínez prefire denominala “música orixinal”. “O que facemos ten un grado moi grande de improvisación e tocamos en programacións de todo tipo, tanto de jazz como de outros xéneros”, explica Martínez. Neste caso, no Colón, están programados nun ciclo de jazz, pero o espectáculo que presentan “6 Mulleres”, foi estreado no festival compostelano WOS, que mestura todo tipo de xéneros vagardistas.

Sumrrá ofrecerá no Colón unha “presentación especial” do seu último disco “6 mulleres”, xunto coa videocreadora Laura Iturralde, “que ilustrará visualmente ás seis mulleres que homenaxeamos”, conta Martínez. “É un espectáculo magnífico que de momento só presentamos o ano pasado no WOS”, explica Martínez, que engade que “quedou un espectáculo moi completo, moi cinematográfico, un espectáculo onde o público non só ten que mirar para os tres mentres tocamos”, comenta. “Había moito tempo que queríamos colaborar con Laura”. engade Martiínez.

As seis mulleres ás que renden tributo Sumrrá como unha fonte de inspiración na loita por unha sociedade mellor, son Frida Kahlo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Quin Jin, Malala Yousafsai e Nawal El-Saadawi. “Son seis referentes que escollemos, pero ben podarían ser 1.000 máis”, comenta Martínez.

Orixe e música
Sumrrá nace hai 19 anos froito da unión destes tres músicos “radicalmente diferentes”, pero que cando se xuntaban para tocar en jam sessions alá polos 2000 xurdía “algo especial, había unha conexión entre os tres e a música collía unha densidade única”.


Xuntáronse no 2000 e “ata hoxe”, simplemente “levados pola música”, sen pretensións de fama nen diñeiro e quizáis ese é o seu maior éxito, non buscar “nada máis que o propio feito musical.

“Sumrrá non buscaba nada máis que desfrutar tocando”, di Martínez, e seguen tocando na actualidade, “parécenos case de ciencia ficción”, comenta. “A verdade é que non temos nada que perder, e con esa actitude é coa que sempre ganas”.


Sobre o seu nome, Martínez conta entre risas que “é unha das preguntas que nos persigue nestes vinte anos e sempre inventamos unha resposta diferente”.

Sumrrá é un trío de referencia na Galicia, pero as súa música levounos a percorrer o globo. África, América ou Asia acolleron a estes tres compostelanos e, “sen coñecernos de nada, aos poucos minutos xa están dentro do noso universo”, comenta Martínez. Son “públicos tan diferentes, incluso a nivel sociedade, pero a resposta sempre é boa” e as actuacións “moi enriquecedoras”.


O vindeiro ano vivirán o seu 20 aniversario, no que esperan “seguir traballando”. Martínez conta que polo momento non hai nada “especial” pensado, aínda que si que afirma que os seguintes pasos a seguir serán traballar nun novo disco.

Sumrrá | “A verdade é que non temos nada que perder, e con esa actitude é coa que sempre ganas”

Te puede interesar