Lunes 20.05.2019

Pinchando a realidade desde experiencias íntimas, moitas silenciadas

O CGAI presenta o mércores ás 20.30 “Tódalas mulleres que coñezo”, onde Xiana do Teixeiro pon a bailar vivencias comúns.

O documental pasarase gratis o mércores no centro de Durán Loriga
O documental pasarase gratis o mércores no centro de Durán Loriga

A peli que traerá o mércores, ás 20.30 horas, Xiana do Teixeiro ao CGAI, “Tódalas mulleres que coñezo” é un documental necesario de ver, por elas, pero, sobre todo, por eles. De contar despois e de criticar tamén, por que non? Di a súa directora que a cinta naceu nunha noite festivaleira, na última xornada da mostra (S8), na que se xuntou con outras dúas cineastas. Pero a idea partiu, en realidade, dunha Xiana sendo cativa e vivindo esa frustración propia de quen medrou pensando na idea naif de liberdade de movementos e que se topou de fronte cunha realidade de precaucións, “no que nos educaron a min e as miñas contemporáneas”. Explica a autora que isto se viu reforzado aínda máis con sucesos como o crime de Alcasser. Foi a  partir de experiencias “que non te apuntan a ti” e se refiren á estrutura, nas que sentiu “un poder moi liberador” e decatouse “de que eses medos eran ferramentas para o control”. 


Por coincidencias da vida, acabou coas outras dúas camaradas relatando situacións parecidas que se contan na peli e que teñen que ver con esa noite na que eran tres e tres historias de violencia na rúa contaron: “Estivemos catro ou cinco horas falando do mesmo, foi unha especie de premonición”. 

“Tódalas mulleres que coñezo” non ten guión. Conta Xiana que está estruturada en tres partes. A primeira, que é a base do pastel, é sobre un grupo de mulleres contando: “O maior reto foi retratar unha conversa entre cinco amigas nun ambiente que fora seguro e de confianza, como un refuxio, e que aparecese a oportunidade de narrar cousas, algunhas bloqueadas, e de compartilas” 


Para iso, prescindiron de focos e afastaron as cámaras. Gravaron a estas mulleres tomando algo e falando sobre agresións, tecendo, sen sabelo, un discurso colectivo. Despois “na peli ves que están sendo vistas por outro grupo de mulleres, que contan como se sentiron, de distintas idades ás que convocaron abertamente para participar”. Finalmente, elixiron rapaces dun instituto ourensán para vela e tamén para debater despois. 


Os mozos descoñecían o asunto de antemán e para Xiana, o resultado “foi unha sorpresa  porque eles en xeral estiveron pouco participativos, non todos, pero existe un abismo de xénero”. Pola contra, elas son radicalmente diferentes e amosan un discurso formado, que fai pensar que o que se está a facer por cambiar calla nas que veñen detrás: “O bonito desta sesión é que se traslada á peli que moitas rapaces si que quixeron contar cousas”. O documental, que forma parte do ciclo “Olladas de muller”, está feito por un equipo enteiro de galegas, que volcaron desde experiencias íntimas unha realidade e unha viveza. Así será máis doado empatizar co espectador. A peli irá a salas, asociacións e colexios.

Comentarios