Seis novas cancións para dicir adeus aínda que un non queira

Seis novas cancións para dicir adeus aínda  que un non queira
el ideal gallego-2019-04-09-036-fdf2f79d

De momento, conta Silvia Penide, o seu sétimo traballo “El efecto boomerang” está recén saído do cascarón. Aínda así, con catro días de vida, a resposta está sendo moi positiva: “Os comentarios que máis se repiten atenden a que as cancións son moi bonitas e que o poñen en bucle”. De principio a fin. Quizais porque o disco está pensado en torno a un tema, as seis pistas que o conforman teñen sentido en conxunto porque ao que lle canta Penide no álbum é a ese instante no que hai que dicir adeus “e non queremos”. 


A artista conta que isto pode estenderse a unha ruptura ou unha morte, “polo que sexa, pero que tes que despedirte sen querer, algo que como persoa me angustia”. Como unha especie de disco “terapia”, as mensaxes que solta a coruñesa axudan a levalo, e non é a primeira vez que ocorre porque Penide se considera unha artista de raíz. Non queda na superficie e afonda. Traballa con escavadora, “vai subindo pouco a pouco” e os temas funcionan en cadea. Un recoller do que vai sembrando onde cada canción ten un cometido. Está a que aspira a “levantarte”, e a que fala de relativizar e unha moi importante que é “cando a xente xa marchou” porque ao principio “estás rodeada de persoas que logo se van “e hai que roelo”. 

Silvia basouse en experiencias propias, que ao final son fíos comúns ao resto da humanidade porque “choramos e rimos igual”. Así que “canto máis exploro en min mesma, doume conta de que estamos todos aí”. A cantautora non sabería cantar de cousas que non coñece ben. As que están son produto do vida e do que maquina. Ela lanza e outro colle o boomerang a golpe de cancións que contan “cunha produción exquisita de David San José, que ten moita bagaxe e discos impresionantes”. 


Explica que o profesional respetou a raíz para darlles aos temas unha luminosidade extra que fixo que cada maqueta que San José lle entregaba “daba no cravo”. Así que á artista non lle quedou outra que lanzarse á piscina, “sabía que era un musicazo con certa sensibilidade e xa me tiña en redes”. Empezaron a falar e cada día foi todo a mellor. 

“El efecto boomerang” materializouse no Estudio Raro Tempo de Madrid, despois de que o produtor lle ensinara o disco novo de Ana Belén no que estaba traballando nese momento: “Púxome un pouquiño e foi un momento máxico. Moveu carros e carretas para facer o disco realidade e despois dun proceso longo de fabricación, buscou a canle adecuada e atopou a El niño de la hipoteca Records, “un selo que ten o mesmo xeito de pensar a industria ca min”. O 3 de maio, Silvia Penide, estará repartindo “efectos boomerang” no  auditorio de Arteixo. Despois, marchará a capital para tocar o 18 en La Fídula madrileña e seguir por Barcelona e festivais que aínda non pode dicir. Despois de Semana Santa, o traballo estará en formato físico.

Seis novas cancións para dicir adeus aínda que un non queira

Te puede interesar