Pilar Pallarés inaugura a Feira do Libro coa lembranza da súa infancia nas casetas

Pilar Pallarés inaugura a Feira do Libro coa lembranza da súa infancia nas casetas
el ideal gallego-2019-08-02-036-4e5bb692

Lembrando as súas vivencias de cativa nas casetas de Méndez Núñez, así inauguraba a poetisa cullerdense Pilar Pallarés, cun emotivo discurso, a Feira do Libro da Coruña. “Aquí, na lembranza de Luísa Villalta e de Xabier P. Docampo que elaboraron tan fermosamente na palabra, comece a feira”, sentenzaba.

Explicaba Pallarés, “rodeada de libros”, que están “feitos dunha materia fráxil e poderosa, resisten os lumes da historia, xa o dixo Manolo Rivas, “Arden mal”, mais moitas veces morren por inanición, necesitados de axudas institucionais, promoción e visibilización, e máis cando as súas palabras son as dunha lingua minorizada como a nosa”.

O seu emotivo pregón revisitou a súa infancia e as súas primeiras lembranzas na Feira do Libro, os seus primeiros achegamentos á poesía e aos autores franceses. Tamén lembrou cando coñeceu a un autor “que acababa de chegar” do exilio, un tal Eduardo Blanco Amor, o cal cría que quizais as súas lecturas non eran as máis adecuadas para elas.

Fixo tamén fincapé no labor que cumpre a feira, a de achegar ás xentes da cidade, e aos turistas, á lectura, axudando así non só aos propios autores, senón tamén a libreiros, editoriais e, obviamente, a nós mesmos.

Día das Letras Galegas

Ademais, a escritora estivo acompañada por diversos representantes da política coruñesa e galega e da presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez. Na representación da corporación municipal actuou a alcaldesa, Inés Rey, destacando a relevancia desta feira, “a máis importante de toda Galicia, que non sería posible sen o esforzo e o traballo de todos os libreiros”.

Tal e como apuntou a alcaldesa, os libreiros trasladan aos cidadáns estes días “a súa paixón, a súa profesionalidade, esforzo e dedicación, que son esenciais para manter vivas as nosas librerías e defender o libro en papel fronte a invasión tecnolóxica”.

A rexedora voltou salientar a intención do Goberno local de que A Coruña “volva ser o centro da cultura galega”. Por isto, Rey repetiu a que tratarán de crear unha cita cultural en torno ao 17 de maio. “Unha cita que dea voz a figuras consagradas e a voces emerxentes, un proxecto que aglutine distintas disciplinas artísticas de Galicia e para o que espero contar co apoio da Real Academia Galega e da Federación de Libreiros de Galicia”, explicou a rexedora coruñesa.

Con isto deu inicio unha feira que traerá á cidade escritores como Lorenzo Silva, Nacho Carretero, Manuel Rivas, Domingo Villar, Jorge Sierra, Yosi de Los Suaves ou Nariso de Gabriel.

Pilar Pallarés inaugura a Feira do Libro coa lembranza da súa infancia nas casetas

Te puede interesar