jueves 19.09.2019

Un percorrido de máis de 60 anos mostra a evolución da música e da sociedade na nosa comunidade

Fernando Fernández Rego publica un novo libro no que analiza o nacemento e evolución do pop, rock e derivados en Galicia

O crítico musical Fernando Fernández Rego | Patricia maroñas
O crítico musical Fernando Fernández Rego | Patricia maroñas

O crítico musical Fernando Fernández Rego vén de publicar unha das obras escritas sobre a música en Galicia máis extensa e intensa, “Unha historia da Música en Galicia. (1952-2018)”.
Non é só un repaso á historia da música na nosa terra, o libro pretende facer tamén “unha análise social da evolución da sociedade, da música e das condicións que tiveron os músicos desde os anos 50”, explica Rego.

“O libro comeza nos 50 porque é a época da transición das orquestras cara o pop”, comenta Rego sobre a época escollida para o comezo deste percorrido.

Nas máis de 800 páxinas da obra de Rego, hai espazo para todos. Dende Los Tamara ou Los Zafiro, ata a escea actual, percorrendo polo medio o fenómeno fan con Pucho Boedo e, sobre todo, Andrés Dobarro; o rock bravú e todas as súas subetiquetas; a movida viguesa; e o punk atlántico da Coruña.
O libro busca recoller o que pasaba en todos os recunchos da comunidade e, polo tanto, hai varios capiítulos, e outros espazos, adicados á Coruña.  

Lembra Rego na súa obra a artistas como María Teresa Pérez Guerra, coñecida como Tara. “É unha muller moi esquecida dos 70, coruñesa, que facía un soul cunha moi grande voz”, o que fixo que algúns medios da época a denominaran como a Janis Joplin galega.

Tamén hai espazo para a “movida”. Mentres Vigo acaparaba os focos con grupos como Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Los Resentidos, houbo outros movementos que quedaron un pouco nun segundo plano, “como era o caso do chamado punk atlántico”, ou atlantismo. Radio Oceáno ou Viúda Gómez eran algúns dos nomes propios desta corrente, ou época, que triunfaban na Coruña, durante unha época de esplendor cultural que chegou ao plano das publicacións, con fanzines como “La Naval”.

Pero antes de todo isto, Rego tamén para a analizar a figura do fenómeno fan, aínda que puntualiza que o fenómeno como tal, “do concepto pop, que temos hoxe en día, comeza con Andrés Dobarro, que recibía centos de cartas de fans ao día”, e que estaba moi a miúdo “na prensa e na prensa rosa”, e que, para Rego, “Andrés supón a xénese do pop”, cara o que estaban a virar as orquestas da época.

Creación da obra 
Foron nove anos de traballo para poder publicar este libro. Nese tempo de investigación, Rego faría máis de 250 entrevistas que, ademais de documentar a obra, serven tamén para facer máis “amena” a lectura. Dous destes anos foron exclusivamente para a súa redacción.

Comentarios