A música de Rogelio Groba e os poemas de Manuel María danse a man nunha cantata

A música de Rogelio Groba e os poemas de Manuel María danse a man nunha cantata
Rogelio Groba Otero, Xurxo Couto e Alberte Ansede, durante a presentación | Quintana

A música e a escrita camiñarán de novo da man coa unión de dous persoeiros da nosa cultura como son o mestre Rogelio Groba e o escritor Manuel María, protagonistas de “As rúas do vento ceibe”, unha cantata que vivirá a súa estrea o vindeiro sábado, ás 20.30 horas, no teatro Colón.

Trátase da primeira obra dun conxunto de tres que Rogelio Groba compuxo. Esta primeira, “As rúas do vento ceibe”, será interpretada pola orquestra de cámara galega, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero, e o coro de cámara de Pamplona, que dirixirá David Gálvez.

A obra foi presentada onte polo deputado de Cultura, Xurxo Couto; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; e o director da orquestra de cámara galega, Rogelio Groba Otero. Durante a presentación, tanto Couto como Ansede coincidiron en que  este é un encontro de dous grandes nomes da nosa cultura.

Ansede quixo poñer sobre a mesa tres puntos no que ambos artistas conflúen, como que “emerxen galeguidade por todos os poros da súa obra”. A segunda “coincidencia” é que “ambos autores se caracterizan por coñecer, moi polo miúdo, a historia da música e da literatura, e tiñan conciencia de que non eran máis que un chanzo máis na construción desa historia”. A terceira conexión é que “son dous dos autores máis prolíficos”, porque tanto Manuel María como Groba contan as súas obras por centos.

 Xúntanse por tanto, tal e como destacaba Couto, o “poeta máis musicado” co “compositor vivo máis relevante da escea musical”, dando lugar a “unha estrea absoluta e absolutamente un éxito”.

Primeira de tres

"Esta é unha cantata que se “engroba” nun proxecto de tres cantatas”, bromeaba Groba durante a presentación. Este será o primeiro paso no que a música de Groba e a letra de Manuel María se unan nunha “simbiose perfecta, dende o punto de vista artístico”.

As tres cantatas do proxecto están “baseadas nas letras de Manuel María”. Tal e como comentaba Groba no acto que tivo lugar onte, este primeiro concerto, e os posibles futuros, son unha oportunidade de difusión “dunha das ideas que definen moi ben aos dous autores, que é o amor ao arte e o amor á Galiza”. “Queremos que a xente ame o que coñece, porque é imposible amar o que non se coñece”, sentenzaba Groba.

A música de Rogelio Groba e os poemas de Manuel María danse a man nunha cantata

Te puede interesar