viernes 20.09.2019

Manuel Manquiña | “Nunca cheguei a sentir a satisfacción que me da a música como actor”

ACTOR E MÚSICO Los Fabulosos Weekend toman terra mañá no Playa Club para ofrecer as súas versións de cancións clásicas das décadas dos 60 e 70 que todos os que asistan ao concerto podrán recoñecer

Los Fabulosos Weekend ofrecerán no Playa Club, o sábado ás 23.00 horas, as súas clásicas versións
Los Fabulosos Weekend ofrecerán no Playa Club, o sábado ás 23.00 horas, as súas clásicas versións

Los Fabulosos Weekend, con Manuel Manquiña nas súas filas, aterrizarán mañá no Playa Club coas súas versións de clásicos dos anos 60.

O concerto comezará ás 23.00 horas e contará con entrada grauita.  

Que pode esperar a xente do concerto do sábado?

É unha típica banda formada por músicos que teñen outras formacións musicais. Un grupo de xente que nos reunimos, uns con máis estilo e clase ca outros, eu son o de menos clase (ri), pero cun repertorio moi bonito, moi divertido e moi elegante, baseado en clásicos dos anos 60 e 70. Non vou dicir que sexan números un, pero son temas que todos poden recoñecer.

Como xurdiu a idea de crear esta banda?

Isto xurdiu de Chema Ríos. Nunha das súas formacións, para unha actuación pediume colaborar con él. Pedíame que fixera un monólogo, pero eu díxenlle “monólogos non fago, pero si queres cántoche”, entón cantamos e gustoulle e decidimos crear unha banda, na que están Alfonso Espiño, Chema Ríos, Gonzalo Sende e Jimmy Faílde. É un grupo que nace sen pretensións, con ganas de facer algo que non nos comprometa demasiado. Pero contamos cun repertorio bo e simpático.

Por que o nome, Los Fabulosos Weekend?

Aí sempre impoño eu o meu criterio (ri). A banda que tiven hai anos chamábase Sporting Transilvania, sempre me gustaron os nomes compostos. Chema Ríos propuña que nos chamáramos “Los Demoledores”, e eu lle dixen “pero tú te viste, que tenemos de demoledores?” (conta entre risas), nós non facemos música potente, nós facemos música simpática, bailona e divertida. Pero falando coa miña muller, dicíame que eramos un grupo de fin de semana e propuxo “Los Weekend”, a min pareceume bonito, pero logo parecía pouca cousa. Aí empecei a xogar entre poñerlle fabulosos ou fantásticos. Quedei con fabulosos, porque como sabes hai moitos grupos americanos que se chaman fabulosos.

Quen fai os arranxos das cancións que tocan?

Facémolos nós. Adaptámolas á nosa composición, porque por exemplo nós non temos teclado. Pero temos un espírito Rock & Roll, que nos aporta esa enerxía de vivir, ese “non te compliques, facede sonar a canción e tirade para adiante”.

E a selección quen a fai?

En principio facíaas eu, fixen unha gran achega de temas, pero despois dun tempo acabamos facendo todos aportacións. Eles son moi Beatles, coñecen moi ben as súas cancións, teñen moitísimo coñecemento musical. Eu, como son máis castrón, son moi punk e a miña aportación é máis ben de punk e pub rock. Eles tiran máis polo melódico e eu tiro máis pola guerra. A verdade é que te estou vendendo un pouco a moto (ri), tratamos de facer unha selección que satisfaga ao público e tamén a nós, pero non pensamos só en nós mesmos.

Tanto lles dá Los Tamara que os Rolling Stones.

A verdade é que temos unha versión de “A Santiago voy” moi potente, moi ben executada. Pero si, como ti dis, non temos ningún prexuízo. Eu de feito tiña a intención, sen querer forzar, de meter algunha de Adriano Celentano, pero teño que levalos (aos memobros do grupo) pouco a pouco (ri). Estamos moi afeitos á música sajona, pero non me importaría meter un par de temas melódicos italianos. O éxito do noso repertorio é que non é música nosa nin un só estilo musical.

Vostede que fixo teatro, televisión, cine, música, con cal está máis cómodo?

Nunca cheguei a sentir a satisfacción que me da a música como actor,  tamén son un actor mediocre (ri). Para convertir o teatro en arte, precísase esforzo, pero a música é un arte en si mesmo.

Comentarios