Domingo 20.01.2019

Manicómicos celebra quince anos de vida con comedia, clown, danza e circo no teatro Rosalía

A asociación cultural anima a acudir a súa gala familiar ás 19.00 horas cun nariz de pallaso.

O colectivo presentou o cartel co concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, no concello
O colectivo presentou o cartel co concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, no concello

A programación de artes escénicas en recintos municipais empeza hoxe, sen apenas tempo de dixerir as uvas e en forma de coreografías, de trapecio e malabares para encandilar tanto ao público miúdo como os que pasan do metro de altura. O teatro Rosalía acolle ás sete da tarde, a festa do XV aniversario da Asociación Cultural Manicómicos que, como é habitual nestas datas, ofrece unha gala, na que combinarán comedia, clown, danza e circo nas súas múltiples variedades. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, acompañado do actor Carlos Sante,


presentou onte o cartel no Concello, “que porá de manifesto a calidade dos artistas locais, nunha celebración marcada polo humor que se abre a todas as idades”, sinalou o edil.

Pola súa banda, o actor sinalou que a gala, “con aires de circo clásico”, renderá homenaxe “a dous grandes humoristas que nos acaban de deixar, como son Manu Lago e Michel Dallaire”. 


Para iso, contarán con convidados especiais “para ofrecer unha tarde inesquecible con acrobacias e malabares”, e convidou á veciñanza a asistir ao espectáculo con narices vermellos de pallasos e pallasas.


As entradas para o show son de oito euros a entrada simple e 18 euros o abono familiar, que inclúe tres billetes. 

As localidades xa están á venda na praza de Ourense e na plataforma www.ticketea.com, ademais do propio auditorio día da función. Como é habitual nos espazos municipais, haberá descontos para o colectivo con bonificación –persoas con Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego–. Para máis información sobre a programación, pódese visitar o web www.coruna.gal/cultura.


Traxectoria
O colectivo que cumpre quince anos de vida e ten a súa casa no Agra, naceu en xaneiro de 2004 na Coruña, promovido por un grupo de persoas con distintos niveis de experiencia no sector e cun interese común: o de investigar, estudar e difundir a escena e a comedia.


Estas foron as intencións primeiras de Manicómicos, que puxo aos membros a trazar sobre un papel unha programación de cursos formativos para os que tiveran carné ou non, coruñeses en xeral, con interese de adquirir un coñecemento das diferentes técnicas actorais. 

Ademais, quixeron acompañar as clases coa organización dun festival de teatro cómico de carácter anual na cidade, no que se puidesen ver, xunto a mozos artistas galegos, moitos deles saídos do seu viveiro de talentos, a primeiras figuras do panorama cómico internacional que tamén imparten masterclass durante o festival.

Manicómicos tamén colaborou dende o principio na xestación da Federación Galega de Novo Circo creada en 2006 xunto a outros colectivos como Pista Catro (Santiago), Circus Fusión (Ferrol) e Cooperactiva (Santiago).

Comentarios