Unha maneira amena de lembrar a historia da cidade a través de trece imaxes do ano 1905

Unha maneira amena de lembrar a  historia da cidade a través de trece imaxes do ano 1905
El Ideal Gallego-2019-08-03-036-52fb335e

O 2020 coruñés botará unha ollada ao pasado, en concreto a 115 anos atrás, a través das trece imaxes que conforman a cuarta edición do calendario histórico que presentou a Asociación de la Prensa de A Coruña.

“Todas son negativos fotográficos do arquivo de Fototipia Thomas”, explica o autor do calendario, o xornalista Rubén Ventureira. Fototipia Thomas é unha empresa de Barcelona moi potente, que contrataba fotógrafos en todos os recunchos de España “para facer publicacións de todo tipo, dende libros, caixas de mistos, ata postais, que era o que máis éxito tiña”.

O arquivo da empresa barcelonesa foise “disgregando” por diversos motivos e, hai uns anos, a colección Bartolomé-Chavert mercou algúns dos negativos, “a través de compras por internet”. A maior parte do arquivo apareceu nunha caixa dunha casa, polo que moitos falaban das “postais perdidas”, por iso “na portada do calendario poñemos “As postais perdidas da Fototipia Thomas”, conta Ventureira.

Son imaxes “excepcionais e pouco coñecidas”, de 1905, de lugares icónicos da Coruña como a Torre de Hércules; o peirao de Ferro, “desaparecido en 1915”; os Cantóns ou a avenida da Marina. Son todas “fotos magníficas, todas de 1905, que teñen este fío conductor que é que formaron parte do arquivo da Fototipia Thomas”, explica o xornalista.

Datas importantes marcadas 
En cada data do calendario existe un pequeno texto, “a modo de tuit”, un par de efemérides dese día. Todos os datos mostrados no calendario extráense de libros de historia da Coruña, “ou de aspectos particulares da cidade”, así como dos propios xornais. Tal e como explica Ventureira, o día a día da cidade tamén ten espazo neste calendario. 

Unha das últimas datas relevantes do calendario histórico é a investidura de Inés Rey como rexedora da cidade, “a primeira alcaldesa na etapa democrática”. As efemérides complétanse con datas como a Liga gañada polo Depor, o nacemento de Emilia Pardo Bazán, a retirada das tropas de Drake ou o nacemento de Discos Portobello, “referente do mundo musical da Coruña”, a modo de “chiscadela” ao recentemente finado Jaime Manso.

Explica Ventureira que nestes días distribuirán a nova edición do calendario histórico da Coruña polos quioscos e librarías da cidade, para que “veciños e turistas” podan adquirilo. Este calendario “ameno” contará cun prezo de 9,95 euros.

Unha maneira amena de lembrar a historia da cidade a través de trece imaxes do ano 1905

Te puede interesar