jueves 19.09.2019

Luis Zahera | “Son monologuista analóxico, dos de toda a vida, de contar historias e tirar para adiante”

Actor e humorista A sede de Afundación acollerá o venres e o sábado, ás 20.00 horas, dous espectáculos humorísticos nos que lembrará as chanzas que había entre os compostelanos e os coruñeses

Luis Zahera, durante unha actuación na cidade | AEC
Luis Zahera, durante unha actuación na cidade | AEC

O actor e humorista Luis Zahera ofrecerá o venres e o sábado, ás 20.00 horas, na sede de Afundación, dous espectáculos humorísticos.

Por se foran poucos, en agosto, o 9 e o 10, repetirá no mesmo lugar.  

En que consistirán as actuacións do venres e do sábado?

Serán dous monólogos, eu son compostelano entón tratarei de incidir naquela rivalidade entre A Coruña e Compostela, que bouraban en nós. Eu creo que eran mellores os da Coruña bourando nos de Compostela. Un pouco rememorar aqueles tempos de cando eu era pequeno e todas as historias que pasaban entre as dúas cidades, e monologuear un pouco para que se divirta a xente.

E vai repetir actuación no mes de agosto.

Si si, cos hermanos Segret, de Rababiero Producciones, que xa levamos dez anos traballando xuntos. Onde me chamen eles aí estarei, porque son como da familia.

Non é complicado preparar estes espectáculos no medio das súas gravacións?

Que va, que va, o noso traballo é moi divertido e cómodo. Lévante, tráente, moi levadeiro todo. Unha marabilla.

Falaba antes de dez anos, cambiou o humor?

O contar historias graciosas e divertidas ao público é universal e eterno. Non creo que mudara moito de dez anos para aquí. O único que agora poderás facer algún chiste dixital, pero eu como son bastante analfabeto dixital, sigo sendo monologuista analóxico, de toda a vida, de contar historias, da familia, e tirar para adiante.

Agora que xa pasaron uns meses, que significou o Goya?

É un recoñecemento, un cariño dos compañeiros e é moi agradable. A xente todavía me para pola rúa para felicitarme, é moi agradable o cariño da xente. En térmos prácticos, supoño que te tratan un pouco mellor (ri), é como que te dan un punto máis, pasas dun ben a un notable.

Cúmprese o mito de que gañar o Goya é sinónimo de máis ofertas de traballo?

Como dicía o outro, agora mesmo non é unha época de cambios, é un cambio de época. Con esto das plataformas, é todo de botar por fóra. Este cambio é o que trae traballo. Sen Goya ou con él, nunca houbo un momento así de efervescencia da televisión.

Aínda que vén para facer humor, estamos afeitos a velo en papeis de malo.

Si, sempre fago de revirado, como me dicían os meus sobriños, que cando eran pequenos sempre me preguntaban: “a cantos matas?” (ri). Pero o problema non é que te encasillen, o problema é non traballar. Espero tamén que cos anos amaine un pouco o chaparrón e poder facer papeis máis doados, máis doces. Pero sempre estou a gusto, é unha profesión moi divertida.

E hai algo que lle quede por facer, unha espiniña cravada?

Home, eu quero facer unha de amor, de un que se namore moitísimo dunha muller. Gustaríame un mundo facer unha de amor, pero co que me ofertan non sei se me chegará ese momento.

Cómo decidiu adicarse á interpretación?

Sempre conto o mesmo. Metinme nisto porque a miñá irmá Ángeles me levou ao teatro o 12 de febreiro de 1982 a ver “Angélica (en el umbral del cielo)” de Eduardo Blanco Amor. Quedei pampo e cheguei a casa dicindo que eu quería ser actor.  

E contaba con poder adicarse a isto durante tantos anos?

(Risas). Pois si, naquel momento si. Aquel día eu o tiven clarísimo, que iso tiña que ser divertidísimo. Ese día pensei que ía ser para sempre. O día que fun ao teatro todo me pareceu unha marabilla, apagábanse as luces nun sitio, acendíanse noutro, todo o mundo ría, parecía moi fácil de facer. E dentro do que cabe, pois non foi de todo mal.

Comentarios