O Entroido coruñés incluirá unha homenaxe ás mulleres, petanca choqueira e rock and roll

O Entroido coruñés incluirá unha homenaxe ás mulleres, petanca choqueira  e rock and roll
El Ideal Gallego-2019-02-22-036-11576742

Dicía onte na presentación do Entroido coruñés, Romualdo Irijoa, da comparsa Os Maracos, que falta levar á tradición ás escolas para que a festa non deixe de ter letra e música e impulsar así a que os mozos collan o relevo dunha tradición que se mesturará con modernidade na cidade. Será petanca choqueira, versións de rock and roll na Torre o martes e cartel da primeira ilustradora muller que gañou o premio “Castelao”, Beatriz Lema. Contaba o concelleiro José Manuel Sande que a organización cidadá levará a batuta deste conto que comezará na rúa o xoves de comadres cunha reivindicación ás 20.00 horas das mulleres no Obelisco á que lle seguirá un tributo a Emilia Pardo Bazán e un percorrido a pé pola zona centro. Antes, o domingo, oito agrupacións pelexarán por trofeo a golpe de cancións con retranca no Concurso de Comparsas, na modalidade de música e letras, que se celebrará ás 18.00 horas no Pazo da Ópera. O xurado estará encabezado polo alcalde Xulio Ferreiro. 

Xa o 1 de marzo, terá lugar ás 19.00 horas un pasarrúas amenizado por “Os 3 porquiños”, de Viravolta Títeres e Charanga Fanfarria Takicardia, que dará paso á ofrenda floral ás 19.30 horas a Nito na avenida de Pedro Barrié de la Maza e á entronización do deus Momo ás nove no Obelisco. No Art T Café, instalarase o velorio da sardiña que se celebrará todos os días ata o día do enterro o mércores ás 23.45 horas. 

O Entroido pasará o sábado ao mediodía pola praza de Lugo co espectáculo “Futurismo galáctico” da compañía colombiana Tchyminigagua. Pola tarde, contra ás 17.30 horas, comezará o tradicional desfile, do Cantón Pequeno á praza de María Pita. 

Durante a súa celebración terá lugar o certame de carrozas e comparsas, na modalidade de vestiario e fotografía, cuxos premios se darán ao final, onde tamén haberá unha verbena a cargo da orquestra Foliada. 

O día grande, os choqueiros peregrinarán a Monte Alto con actividades infantís pola mañá, torneos de petanca, e unha homenaxe ao choqueiro do ano Gabriel Gómez Carballo xunto ás tradicionais ofrendas florais a Canzobre, César San José e Juan Manuel Iglesias Mato “Palau”. Durante a tarde sucederanse pasarrúas na rúa da Torre e os concursos de disfraces, tanto o infantil ás 17.00 horas  como a festa choqueira, que comezará ás 20.00 horas, na que a música virá do grupo local Rockers go to hell, que cumpre 20 anos. A sardiña recibirá o responso final o mércores ás 20.30 horas para partir coa Charanga Ruada e Revival Stompers de fondo a San Amaro. Sobre ás 21.30 horas, haberá unha sesión de fogos artificiais coa interpretación de “Carmina Burana”. O programa acabará o 18 de marzo coa presentación de “Choqueiros e Mascaritas. Entroido Coruñés (1883-1936)”, do historiador Xosé Alfeirán no local dos Maracos.

O Entroido coruñés incluirá unha homenaxe ás mulleres, petanca choqueira e rock and roll

Te puede interesar