Encarna Alonso | “Cando remata unha peli, estás feita polvo pero ao día seguinte xa o botas de menos”

Encarna Alonso | “Cando remata unha peli, estás feita polvo pero ao día seguinte xa o botas de menos”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-199d87e8

É unha das seis que a Academia do Audiovisual destaca por ser unha das primeiras mulleres en facer cinema en Galicia. Sendo script. Controlando todo. En minutos e secuencias.

Fíxolle ilusión aparecer nos papeis da Academia 2018?
Pois si porque os comezos foron duros e agora que levo moitos anos, estou ben satisfeita dese camiño que fixen e paréceme xenial.

Pódese dicir que un script fai que todo teña sentido?
Si, podería ser un coordinador, pero o traballo vai moito máis aló. Pertence ao equipo de dirección no que controla o "racord", é dicir, a continuidade, de todos os elementos que conforman a película como vestiario, maquillaxe, decorados, etc... salientando o máis importante: o raccord emocional. Neste sentido está coordinado con todos os equipos. E tamén ten un vínculo moi importante con produción para quen elabora o "parte de produción", no que se recolle todo o que sucede en cada xornada de rodaxe e se apuntan unha chea de datos: inicio e fin de xornada, parada para comer, chegada e marcha de actores, tempos de parada por circunstancias como pode ser a chuvia, etc...; datos de rendemento de traballo como o número de secuencias e o de páxinas de guión rodadas, números de planos feitos, minutos de tempo útil obtido; e todas as incidencias que inda que non estaban previstas poden ocurrir.

A encargada de que non haxa gazapos.
Si, todo ten que casar porque se facemos o plano dunha persoa que entra do exterior ao interior, o exterior podemos gravalo o día 4 de rodaxe e a continuación o 19 rodar o interior e todo ten que cadrar nos planos. Se o personaxe leva un xornal debaixo do brazo cando está fóra, ten que seguir con el cando entra. Ás veces. o noso traballo faise evidente para o público cando aparecen os famosos gazapos. Quero rachar unha lanza a prol dos compañeiros de profesión, pois na meirande parte dos casos non se lles pode achacar aos scripts estes erros, senón que son produtos dunha decisión de montaxe na esperanza de que o público non os detecte. Aquí cobra sentido a referencia que antes fixen ao raccord emocional: existe o gazapo pero é máis importante o que se transmite con esa montaxe.

Como empezou nesta profesión pouco convencional?
Estaba noutra cousa e falloume, e empecei neste mundo, dentro da imaxe. O primeiro traballo que me ofreceron foi para a serie “Lendas”, no 86/87, e despois me foron chamando, pero foi difícil porque non podía vivir deste oficio. Non había tanto cine para estar tanto tempo traballando, así que nos comezos compaxineino co de secretaria membro do Congreso Internacional da Pedagoxía da Imaxe.

Son maioría mulleres, non?
Si, curiosamente, pero non creo que sexa un tema de xénero. Din que somos máis detallistas, e aquí hai que facer que todo cadre, que o nivel de vaso de viño do protagonista sexa o mesmo en todo momento. É un traballo moi duro, que require unha atención total, unha concentración e a dedicación de todo o teu tempo. 

Hai máis traballo agora?
Agora mesmo non hai pelis para todos os scripts. Houbo unha crise grande co audiovisual e deixaron de apoiar, pero seguimos adiante. Cando rodamos unha peli, son dez horas de traballo e cando remata a xornada, o script ten que pechala e preparar a seguinte.

Segue sendo igual de duro que cando empezou ou a tecnoloxía axudou?
Os avances tecnolóxicos aforráronme tempo. Comecei coa polaroid que tiña un carrete de dez fotos, que custaba 2.000 pesetas e por iso, facía moitos debuxos dos decorados e tamén escribía o que ía facendo, o vestiario... Coa foto dixital tiro cinco e vexo esa minuciosidade.

Como recorda a rodaxe de “Sempre Xonxa”?
Aquelo foi o “non vai máis”, a miña primeira peli profesional. Foi maxia e tiven a fortuna de empatizar con Chano Piñeiro, Uxía Blanco e demais actores. Foi unha experiencia marabillosa. 

Como cambiou o cine desde entón? Gústalle o que se fai na actualidade?
Cambiou tecnoloxicamente e aprendimos moitas cousas, pero o cine segue sendo o mesmo. Sempre queremos contar unha historia e poñemos toda a ilusión no feito de contala, o que importa é que chegue ao corazón. O cine actual ten moita calidade e fanse cousas diferentes como as webseries, que axudan e dan moita vida.

Canto leva no oficio?
Trinta anos. É unha droga dura. Engancha moito porque cando remata dis “ai, que ben, acabei!” porque estás feita polvo, marchas para casa e ao día seguinte xa o botas de menos.

Encarna Alonso | “Cando remata unha peli, estás feita polvo pero ao día seguinte xa o botas de menos”

Te puede interesar