martes 20.08.2019

“Despois das ondas” chega este venres para homenaxear a actriz María Casares na súa cidade natal

O teatro Colón acolle, ás 20.00 horas, un percorrido pola vida da escritora que tivo que marchar ao exilio

A rolda de prensa tivo lugar no teatro Colón, despois da representación dunha das esceas | aec
A rolda de prensa tivo lugar no teatro Colón, despois da representación dunha das esceas | aec

A obra "Despois das ondas", baseada na obra de Ernesto Is, chega este venres ao teatro Colón, ás 20.00 horas, para darlle vida á biografía da actriz María Casares e facerlle unha homenaxe á altura da súa memoria da man de ButacaZero. Tras a representación dunha das esceas que conforman a peza teatral –que será de balde ata completar o aforo– a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, comentou que “sempre tivo á súa patria, Galicia, coma un pouso ao que nunca renunciou”. Ademais, conta da propia obra que “fala dende un eu íntimo con proxección colectiva”.


Sobre esta peza, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación herculina, comentou Sanmartín que pese a que o teatro tamén se le, debe ser representado. "A partir de agora, o premio irá ligado á súa representación", engadiu. O galardoado, Ernesto Is, comentou da propia Casares que ademais de actriz e escritora foi “unha gran pensadora e unha muller adiantada ao seu tempo”, polo que definiu a peza como un “pulso de identidade”. O autor síntese con sorte de ter podido falar “con moita xente que a coñecía”.

Teatro, cine e vida
O director de “Despois das ondas”, Xavier Castiñeira, pola súa banda, explicou a obra como unha mestura de “teatro, cine e vida”. Unha representación de case hora e media onde se fala de quen era María Casares, ao tempo que “se lle aparecen as lembranzas e as emocións”, pero todo isto en vivo.

Un directo que coñece ben o realizador e creador da parte máis audiovisual, Roi Fernández, quen fala de que eses tres ingredientes que comenta Castiñeira “xúntanse a través da fragmentación da realidade”. Unha composición na que entran en escea “collages, fotografías e cámaras en directo”. Ademais, pensa que “María estaría moi satisfeita, ela traballou con cineastas vangardistas e iso plásmase na peza. É a mellor homenaxe”. 

Na pel da artista
Ao mesmo tempo, meterse na pel da propia María Casares foi todo un reto para as tres actrices que representan diferentes etapas da súa vida. Coma elas mesmas dixeron, ao ser alguén real, non tes a liberdade de inventar certos aspectos da súa xestualidade.


Belén Constenla, a artista que representa a Casares na súa volta do exilio no ano 1976, dende París a Madrid en tren, asegura que “é unha figura moi descoñecida, pero interesante”. Dalle mágoa que na Coruña non se lle teña tanto aprezo e recoñecemento. Nerea Brey fai o papel da herculina na súa etapa máis nova e salienta “a grande vitalidade” coa que María “afronta ela as cousas”. Para rematar, a terceira actriz, Sonsoles Cordón,  asegura que “o contido e forma da peza son espectaculares”.

Comentarios