Descifrando a Díaz Pardo en cinco pezas

Descifrando a Díaz Pardo en cinco pezas
Exposición As miradas de Isaac

Pintor, ceramista, editor, escritor, empresario emprendedor...  A mostra do Museo Gaiás As miradas de Isaac afonda en todas estas disciplinas de Díaz Pardo a través de preto de 300 pezas que compoñen a primeira grande exposición sobre esta figura senlleira despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012) e faise facéndoa coincidir co centenario do nacemento (22 de agosto de 1920) co obxecto de situar como merece na  historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.  

De todas as pezas, escollemos estas que nos permiten en cinco chanzos achegarnos ás diferentes facianas deste personaxe imprescindible da cultura galega: A intervención na Praza do Obradoiro a favor do Si no plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, o libro Galicia hoy, o óleo Os afogados, a escultura Saturno devorando aos seus fillos, e a mesa e cadeiras

antropomórficas.

 

As guiadas miradas de Isaac

Todas estas miradas/facianas de Díaz Pardo poden descubrirse ata o 4 de abril no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, aberto de martes a domingo, de 10 a 20 horas ininterrompidamente. A entrada ao museo é de balde, e tamén as visitas comentadas da man do servizo do equipo de guías da Cidade da Cultura. Estas visitas guiadas realízanse de martes a domingo ás 17 horas e con inscrición na páxina web (www.cidadedacultura.gal). Grazas a elas o percorrido guiado permite coñecer polo miúdo non só estas cinco pezas, senón as dez seccións nas que se divide a exposición para abarcar a figura e obra deste personaxe tan multidisciplinar.

Deste xeito, a través destas visitas guiadas afóndase  na importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá na Rúa das Hortas, participando activamente a favor da campaña do si polo Estatuto de Autonomía de 1936; na faciana de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; no seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica de toda esta intelectualidade; no labor como escritor; nos emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; nas iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; no deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; no editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Descifrando a Díaz Pardo en cinco pezas

Te puede interesar