Miércoles 26.06.2019

O CGAI comeza o ano falando en idiomas europeos, con clásicos, Mizoguchi e bicos de película

Poderanse ver longametraxes en alemán, italiano, finés ou romanés ata finais de febreiro

“Girl”, un dos títulos que se proxectará, foi o último en recibir o premio Discovery
“Girl”, un dos títulos que se proxectará, foi o último en recibir o premio Discovery

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dálle a benvida ao 2019 cunha celebración das linguas e do cine de Europa. Farao desde a semana que vén tanto a través do ciclo EFA: Premios Discovery, que ofrecerá unha escolma dos títulos galardoados nos últimos anos con esta distinción da Academia do Cine Europeo para apoiar o novo talento, como da súa habitual sección “Fóra de Serie”, cunha selección de filmes falados en diversas linguas do continente. Todas as fitas serán presentadas por profesoras do Centro de Linguas da Universidade, nunha iniciativa que busca promover a cinefilia como potente ferramenta na aprendizaxe de idiomas, ademais de polo seu intrínseco valor cultural.

O CGAI retomará as proxeccións o martes con “Madame Hyde”, de Serge Bozon, unha adaptación libre do célebre relato de Robert Louis Stevenson, con Isabelle Huppert de protagonista. O idioma francés dará paso ao portugués un día despois coa épica “Cartas de la guerrak”  (o mércores 9), mentres que o alemán escoitarase en “Oh Boy” (xoves 10) e o italiano en “Antes de la revolución” (11), de Bernardo Bertolucci. Ademais, o sábado 12 proxectaranse as curtas do VIII Festival CinEOI, organizado pola Escola de Idiomas da Coruña. 

Este especial continuará con “El reverendo” (o 15), un dos títulos da temporada, do que Martin Scorsese dixo que se trataba da mellor obra do seu colega Paul Schrader. Dunha lingua maioritaria como o inglés, o espectador achegarase a outra menos falada, o finés, con “El día más feliz en la vida”, de Olli Mäki, que conquistou múltiples galardóns en festivais, incluido Cannes. 

Ademais, o público terá a oportunidade de ver “Girl” (xoves 17), a última película en levar o premio Discovery. Esta historia sobre unha bailarina que afronta dificultades no ballet ante o seu proceso de cambio de sexo marcou o pasado 2018, neste caso con acento flamenco. 

O foco do CGAI sobre o cine europeo estenderase ata finais de febreiro coas proxeccións, entre outras longametraxes, de “Katalin Varga”, ópera prima de Peter Strickland, pero que curiosamente está falada en romanés; para visionar a ucraína “The Tribe” ou o último ensaio de Godard, “El libro de imágenes”.

O resto combinará clásicos e novidades por igual, de estilos e procedencias moi diversas. Un dos principais ciclos será o do mestre xaponés Kenji Mizoguchi, outro de clásicos americanos e europeos e unha selección de títulos feita por César Antonio Molina inspirada en bicos.

Comentarios