Alberte Santos: “A novela fala de escapar dos patróns que se nos esixen para ser normais”

Alberte Santos, na tenda Fnac da praza de Lugo | quintana

Publicista, xornalista e escritor


A historia que Alberte Santos (A Coruña, 1965) conta en “A muller de lona” (Edicións Laiovento) pode recordar a aquela película de 2013, “Her”, na que Joaquin Phoenix namorábase da asistente persoal do seu móbil. Neste caso, Hipólito Foxo, o único traballador dun aparcadoiro ao aire libre, vive unha historia de amor cunha muller que fica nun anuncio de lona pendurado no edificio duns grandes almacéns.


“Tentei facer un personaxe que vivise tres momentos de presión que sufre o ser humano: a dixitalización, a asfixia dos patróns de comportamento que marca a publicidade e a fuxida dos convencionalismos, escapar de facer as cousas só porque é o que se agarda de nós. Hipólito Foxo é un argallador e vai tomando decisións, como aceptar unha promoción profesional ou decidir se queda coa súa moza de sempre ou a súa amante”, explica Santos.


O autor, nado no barrio da Gaiteira, lanzou esta semana a súa segunda obra tras “O rebumbio dos vagalumes”, ambas escritas en galego. “A Coruña é a cidade coa que máis identificado me sinto e na que teño as referencias máis importantes da miña vida. Síntome galego sempre, alá onde estou”, apunta.


En “A muller de lona”, Santos fai “unha reivindicación da fuxida deses convencionalismos que se nos impoñen e se nos esixen para ser considerados normais, e que resultan perversos para a capacidade de decisión individual”.


Busca, explica o escritor, facer reflexionar aos lectores sobre a vida na actualidade e os estándares que funcionan como estereotipos. “É unha crítica, tamén, ao modelo de vida actual. Que ás veces é necesario fugarse fronte a asfixia que provocan eses modelos”. Aínda que Alberte Santos recoñece que non é unha obra autobiográfica “en absoluto”, o autor do limiar do libro, Ramón Rozas, si que ve un paralelismo entre Alberte e Hipólito: “Aos dous lles gusta moito escribir, Hipólito vai facendo unha especie de diario co que lle vai acontecendo”, di.


“A muller de lona” chegou uns cinco anos despois da ópera prima de Santos, quen asegura que a pandemia “non cambiou a historia, quizais engadiu algúns detalles”. Sobre se haberá unha terceira obra responde misterioso: “Teño que pensar moitas cousas”.

Alberte Santos: “A novela fala de escapar dos patróns que se nos esixen para ser normais”

Te puede interesar