Xulio Ferreiro | “Sempre vin improbable a moción de censura porque os protagonistas dicían que non ía pasar”

Xulio Ferreiro | “Sempre 
vin improbable a moción 
de censura porque os protagonistas dicían 
que non ía pasar”

Xulio Ferreiro está preto de alcanzar o ecuador do seu mandato como rexedor pouco despois de superar a perda de confianza da corporación, aínda que isto non se traduciu nunha moción de censura que nunca viu cerca. Analiza a actuación do equipo de goberno e a relación coa oposición, a Xunta e o Goberno central

Rematado o prazo de alegacións ó orzamento, ¿cre que as propostas de PP e PSOE van ir cara adiante?
O trámite no que estamos implica que son cuestións de legalidade. O tempo de negociar xa pasou, o Partido Socialista non quixo chegar a un acordo e o Partido Popular nunca tivo intención. Se hai incorreccións técnicas se corrixirán, pero non estamos no momento de cuestións políticas.

¿Viu cerca a posibilidade de chegar a un acordo con alguén?
Si, vino moi preto co Partido Socialista, pero descoñezo as razóns polas que quixeron dinamitar ese acordo facendo públicas unhas condicións absolutamente diferente ás pactadas e dando por pechado un acordo que non o estaba. Estaba moi preto, a min persoalmente me producía bastante satisfacción estar tan preto e lamento que non puidese ser.

¿En que punto está a relación co Partido Socialista?
Igual que antes. Hai un voceiro novo, agardo que poidamos reconducir a situación e para iso todos temos que ser razoables e aceptar a situación onde estamos.

¿Quen debe dar o primeiro paso para reconducir a situación?
Nós xa dimos pasos, saímos da cuestión de confianza ofrecendo pactos sobre asuntos relevantes, os mesmos pactos que ofrecimos antes ó Partido Socialista, o que demostra que este goberno sempre quixo chegar a acordos e as grandes cuestións deben ser debatidas. Intentaremos que os asuntos que haxa que levar a pleno, levalos co máximo nivel de consenso e de acordo posible.

¿Nalgún momento creu que habería moción de censura?
Son cuestións que se te escapan, que non controlas e que non sabes o que pode estar ocorrendo por detrás. Eu sempre o vin improbable porque os propios protagonistas dicían que non ía pasar. Se o presidente da xestora socialista dime que non vai pasar, creo no que se me está dicindo.
O PSOE votou en contra na cuestión de confianza mais acto seguido Florencio Cardador dixo que non habería moción de censura ¿Como viu ese movemento?
Ese movemento tivo una repercusión que é facer perder un mes á cidade, non hai outra lectura. Podía terse retirada a confianza cunha abstención e permitir a aprobación duns orzamentos que irremediablemente se ían aprobar un mes despois.

¿Cando estará aprobado?
Veremos as alegacións. Os servizos técnicos necesitarán unha semana ou semana e media e veremos se pode estar listo antes de Semana Santa.

PP e PSOE anunciaron que utilizarán os modificativos. ¿Ten medo de cambios substanciais?
Non sei cal sería o obxecto dunha modificación substancial. Os modificativos deben servir para adaptar os orzamentos á realidade, o momento de introducir os grandes proxectos é a principio de ano e os modificativos son para axustes. ¿Que se pode incluír algún programa ou actuación concreta que de tempo a executar? Estamos abertos, pero con realismo e responsabilidade.

Van case dous anos de mandato, ¿que balance fai?
Estou razoablemente satisfeito. Entendo que as cousas non foron fáciles dende o primeiro día. A situación en minoría e a pouca receptividade que atopamos en moitas ocasións, particularmente no Partido Socialista, para sacar asuntos adiante, motivaron demasiadas insatisfaccións, pero estamos cumprindo os obxectivos. A todos nos gustaría ir mellor, ter uns orzamentos a principios do ano e nosos e podelos executar con normalidade, pero habida conta das circunstancias e o escaso apoio doutras administracións, particularmente da Xunta e tamén do Goberno central, cero que en ese contexto estamos facendo o que nos propuxemos e que dixemos que íamos facer, logo as cousas as veces saen un pouco mellor ou un pouco peor.

¿Que foi o mellor neste tempo?
Hai moitas cousas, medidas de impacto como a renda social, que é unha realidade, e introducimos debates que van ser cuestións duradeiras no tempo para a cidade, como a mobilidade, a área metropolitana, que nunca se tomara con tanta seriedade, e o bordo litoral. Ninguén dubida que se non estivese este goberno municipal aquí, a realidade sería outra e seguramente a Solana estaría vendida e o resto dos terreos estarían agora en proceso de privatización. Que este goberno esté aquí serviu para que isto non pase e lograr un consenso arredor doutra idea diferente que é a de xestión pública.

¿Que cousas cambiaría?
Non o sei, non me paro moito a pensar as cousas que se puideron facer doutra forma, en todo momento tomamos as decisións que había que tomar ou que nos pareceron correctas. Me gustaría ter chegado a máis acordos co Partido Socialista, pero aí tampouco depende todo dun mesmo. Houbo cuestións de operatividade que podíamos ter corrixido o principio, pero é normal que conforme vaia pasando o tempo te decates de certas cousas e intentando corrixilas no momento que toca.

Dende a oposición segue a reclamarse máis negociación. ¿Seguirán na mesma liña?
Gustaríame que houbese un cambio, pero a actitude que vexo nos outros grupos, principalmente no Partido Popular e no Partido Socialista, é a oposición pola oposición. Neste Concello parece que é moi fácil ser oposición porque simplemente hai que poñerse á contra do goberno. Cando o goberno leva unha proposta concreta, se lle acusa de non negociar, e cando intenta levar unha proposta máis aberta, se lle acusa de non concretar. O que nunca recibimos son ideas dos demais, iso é moi difícil de recibir e hai exemplos como cos distritos ou na área metropolitana, no que se lle deron ós grupos tres prazos para presentar achegas e a resposta foi cero. Noutros casos se puido facer, como no caso da Edusi.

¿Como son as relacións coa Xunta e co Goberno central?
De normalidade. Intentamos colaborar coas outras administracións, como na intermodal, no que fixemos un esforzo grande para desatascar ese asunto. Noutros aspectos é máis difícil, na entrada do transporte metropolitano nos atopamos cunha proposta pechada da consellería que houbo que negociar a posteriori e estamos niso. Hai certas actitudes que son pouco leais ou comunicacións internas entre administracións que un acaba lendo nun titular. As administracións teñen que relacionarse buscando o interese do xeral e deixando a loita partidaria para outros ámbitos.

¿Xa hai data para a reunión con Puertos del Estado ?
Si, a principios de maio. Se non nos reunimos antes foi porque o presidente de Portos tiña bastante lea coa estiba pero a cambio a Autoridade Portuaria paralizou durante seis meses a venda da Solana. Agardo que poidamos chegar con cousas máis claras á mesa e estamos intentando consensualo co resto de grupos e para esa xuntanza esperamos levar xa unha proposta máis concreta.

¿Pagarán por algún terreo?
No seu momento fixemos unha oferta para a adxudicación directa dos terreos da Solana e está aí. Fíxose cando este debate non estaba nin sequera na rúa e o que dixemos sempre e que pode haber fórmulas para aliviar a carga financeira, compensar á Autoridade Portuaria e asegurar a xestión e titularidade pública deses terreos. Penso que é todo compatible e iso vai requirir o esforzo do Concello e de tódalas administracións implicadas. Sería bo que a cidade recibise un esforzo correspondente ao peso que ten na provincia e en Galicia.

¿Cando veremos algunha proposta en mobilidade?
Nestes momentos estamos propoñendo un pacto pola mobilidade, fixando as liñas estratéxicas cos outros grupos e empezamos a revisar a concesión da Compañía de Tranvías e adaptala aos tempos actuais sen ningunha merma no servizo. Se está traballando na reconfiguración das liñas, os carrís bus, o carril bici metropolitano, faranse máis quilómetros de carril bici na cidade. Os recortes nesta concellería e para as asistencias técnicas fan moi complicado o traballo técnico, por iso reorganizamos a estrutura directiva do Concello.

¿Que vai pasar co centro de saúde de Santa Lucía?
Estamos pendentes de que a Xunta nos diga se o quere en Santa Lucía ou non e logo dicirlle ós arquitectos e contratistas que busquen a compatibilidade entre o mercado e o centro de saúde. Calquera entende que é delicado que haxa un mercado e un centro de saúde compartindo un espazo, os motivos sanitarios son obvios. É moi importante que o mercado sea un gran tractor para o barrio, incluso unha praza cuberta na que facer vida. Sería bo que o centro de saúde se adaptase ás posibilidades do edifico e que o conselleiro me devolvese a chamada de decembro para falar en persoa en lugar de discutir en público.

Xulio Ferreiro | “Sempre vin improbable a moción de censura porque os protagonistas dicían que non ía pasar”

Te puede interesar