domingo 24/1/21

Xulio Ferreiro | “O éxito máis importante deste ano é que estamos mostrando o modelo de cidade que queremos”

ALCALDE - Destaca que a pronta aprobación do orzamento permitiu ver o camiño que queren seguir e confía en que a compra de pisos e a cesión do cárcere non teñan consecuencias

Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña | mónica arcay
Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña | mónica arcay

Xulio Ferreiro destaca que o logro máis importante deste ano é que se empezase a ver o modelo de cidade que queren implantar. Ademais, reafirma a súa confianza en que os casos dos pisos e o cárcere non sigan adiante.

Que balance fai deste ano?
Razoablemente positivo. Foi o primeiro ano onde puidemos aprobar o orzamento nun momento razoable e iso notouse. Notouse en obra pública, en proxectos complicados que se culminaron. O estadio de Riazor foi unha obra dun tamaño considerable e que se conseguiu facer nuns meses. Ademais logrando que non afectase á liga e que o Deportivo puidese disputar os seus partidos en Riazor. Houbo que facer algún reaxuste nas bancadas pero para unha obra desa envergadura, sempre hai incidencias, pero se fixo grazas ó traballo da empresa e dos servizos técnicos do Concello. Ó final notouse que nunha situación normal este goberno funciona dun xeito correcto. A execución orzamentaria vai superar o 80%, vai ser maior que a media do mandato anterior e de hai dous mandatos. Queda demostrado que se hai normalidade, que non a houbo os outros anos, é bo non só para o goberno senón tamén para a cidade. Sempre hai cousas mellorables, cousas que se fan ben e outras menos ben. O normal nun traballo honesto e ó que se adican moitas horas.

Como definiría este ano?
Houbo máis capacidade para chegar a acordos porque a cuestión de confianza de hai dous anos deixou as cousas claras de que non había alternativa a este Goberno e iso fixo que o Partido Socialista cambiase a súa actitude para ben. Co anterior voceiro sempre houbo discrepancias, pero a situación se normalizou bastante. Se ve cal é o camiño que tomou a cidade nestes anos, é un camiño positivo e estamos amosando o modelo de cidade que queremos, coidado do espazo público, de xestión medioambiental, de mobilidade e o modelo social. Seguramente foi o éxito máis importante deste ano, que A Coruña se situase á cabeza de investimento social por habitante en Galicia e iso non ten ningún tipo de discusión.

As críticas á xestión entran dentro da precampaña, non é razoable que os mesmos critiquen cousas que xa as fixeron, me quedo bastante sorprendido

Os asuntos da compra de pisos e do cárcere o fixeron máis complexo?
Son actuacións que entran dentro da normalidade, é dicir con dificultades no caso do cárcere polo propio estado do edificio, que era peor do pensado e provocou restricións, pero creo que dentro dunha actuación sempre dentro da legalidade, correcta e sen ningún interese escúreo. No concurso de vivenda tamén, o que se demostrou é que foi unha actuación con erros dende o punto de vista administrativo, pero quedou clarísimo e ninguén puido dicir o contrario sen intervención desde o poder político para impoñer un resultado ou outro do concurso. Entra na normalidade que non desexaríamos, pero ó principio a esaxeración levou a que puidésemos ter desconfiado de que os erros fosen tales, e ata se entrou nunha revisión máis profunda do asunto, eu encarguei á asesoría xurídica un informe, e tomamos a iniciativa de iniciar as medidas correctoras. Non houbo ningún interese por cubrir unha actuación que non fose correcta, senón máis ben todo o contrario, por despexala.

Cría que os asuntos do cárcere e dos pisos tiñan opcións de ir adiante tras o paso pola Fiscalía?
Sinceramente creo que non, se se fai un análise polo miúdo do que ocorreu, a conclusión é que non hai ningún elemento que teña contido penal. A Fiscalía o que fixo foi coller a denuncia do PP e pasala ó xulgado, non vou valorar a actuación da Fiscalía, o que agardo é que o xulgado acabe resolvendo que non hai ningún elemento con repercusión penal.

No caso da compra de vivenda a oposición pediu a dimisión de dous concelleiros. Nalgún momento chegou a plantearse aceptar esta petición ou retirarlles algunha competencia?
Non, se vise que algún concelleiro actuou tentando torcer a vontade dos técnicos á hora de tomar decisións, evidentemente me parecería grave, pero non ocorreu. Non hai ninguén que afirme que iso ocorreu, un é responsable do que sucede por debaixo dun, pero as responsabilidades hai que medidas no grao de responsabilidade directa que se ten.
Este ano tamén foi a recuperación da Comandancia de Obras cos altercados que se produciron. Foi o momento máis duro do mandato?
Foi un momento duro, non me atrevería a facer un ránking de momentos duros. Houbo cuestións de confianza, orzamentos que se aprobaron cos votos cruzados dos grupos da oposición, ataques persoais moi duros... Este non foi agradable porque ademais puxemos moito empeño en que isto non ocorrese e ó final torceuse no último momento, despois de ter recuperada a posesión do inmoble sen recurrir á forza. Foi moi desagradable, doloroso, pero tampouco o Goberno municipal podía ter actuado deixando pasar a oportunidade para ter un equipamento que se abrise a toda a cidade como estamos a piques de ter.

Falaba antes de actuacións realizadas e a da cuberta de Riazor é a máis importante. Como levou o retraso que sufriu a obra?
Entraba dentro do previsible, non no mellor dos escenarios provistos, pero nunha obra desa envergadura sempre se dan incidencias e lembremos que o proxecto anterior de remodelación, que era moito máis modesto, implicaba un ano enteiro de obras dentro do estadio e celebrar partidos durante toda unha tempada con obras. Iso se conseguiu evitar e foi un investimento máis ambicioso. O resultado está aí, o vemos todos os fins de semana no campo e creo que non so esteticamente, senón tamén de confort e seguridade a mellora é evidente.

A oposición foi moi crítica no último pleno extraordinario coa xestión municipal no eido económico. Cre que son razoadas as súas queixas?
Entran dentro da precampaña. Non é razoable criticar cousas que os mesmos que as critican xa as fixeron, me quedo bastante sorprendido. A min me tería gustado adicar o superávit a investimentos e non se puido facer porque o período medio de pago se traspasa en tres días dos 30. Calquera entende que estamos diante dun impedimento legal pouco razoable. En nada vai mellorar o período medio de pago porque ese diñeiro se adique a cancelar débeda e non a investimentos. Se non hai relación causa-efecto a norma non é razoable. Os que a puxeron o saben, é unha norma imposta polo Goberno do Partido Popular e o Partido Socialista non a quixo cambiar, podía telo feito a través dun real decreto. O resto dos parámetros están cumpridos, sobre todo a nivel de endebedamento, que está máis relacionado. Fixemos un esforzo todos os servizos do Concello por axilizar esas facturas e lamentablemente non foi así. Iso vai no noso debe, pero tamén as cousas hai que velas no contexto dun corsé inxusto, demasiado apretado e sen relación. Se falamos de nivel de execución e endebedamento, as cifras son mellores que no mandato anterior. Se intenta crear unha imaxe de certo desgoberno que non existe na realidade. Supoño que entra dentro da lóxica preelectoral.

Desde que chegou o PSOE ao Goberno en Madrid non houbo grandes avances nos asuntos que hai pendentes co Estado.
É certo. A verdade é que acollín con moita ilusión o cambio de goberno. O goberno do Partido Popular de Mariano Rajoy foi moi negativo para a cidade da Coruña, particularmente co último ministro de Fomento, que nin sequera tivo a ben falar conmigo dos asuntos principais da cidade. O trato por parte do Goberno de España en comunicación e información é moito mellor agora, non teño ningunha queixa, pero hai varios meses que se ía reunir a comisión de seguimento dos convenios e que íamos falar de modificar eses convenios e esa reunión non se produciu. Se autoriza por parte de Puertos del Estado un plan de empresa da Autoridade Portuaria que segue contendo a previsión de vender eses terreos mentres en Valencia se aproba unha condonación da débeda e aquí non se da ningún paso. En canto a Alfonso Molina hai un pequeno avance, se nos comunica a licitación inmediata da pasarela de Pedralonga, era un compromiso de Ana Pastor cando era ministra e non se cumpriu durante o goberno de Mariano Rajoy. É un avance pero queda por lanzar as dúas grandes actuacións, a paisaxística e a de mellora do funcionamento e capacidade da avenida. Estou preocupado por esa falta de pasos que non se corresponden coa ilusión e o apoio que recibiu o novo goberno dende o Concello.

Cre que a cercanía das eleccións municipais do ano que ven pode influír?
As causas non as sei, falo dos feitos que se produciron. Se está tentando pola nosa banda que se axilicen eses asuntos.

No último encontro co presidente da Xunta parecía que había máis sintonía que noutras ocasións. Como está a relación?
Normalmente non teño grandes problemas de interlocución co presidente, son unha persoa razoable e o presidente é consciente, sobre todo se se compara a súa relación con outros alcaldes. A nivel de consellerías o comportamento é desigual, incluso dentro dalgunha consellería según o proxecto. Coa de Sanidade estamos traballando ben para ver a ampliación do hospital ou a nova ubicación e non ocorreu así con Santa Lucía. Coa consellería de Infraestruturas está sendo moi difícil, agora se demostra que o atraso na intermodal tiña unha única responsabilidade, a inviabilidade do proxecto que contratou, que lle pode pasar a calquera, pero non poden tentar traspasar a responsabilidade ós demais, sobre todo cando os erros foron sinalados tamén por Adif.

Comentarios