Xiao Varela | “Sospeito que hai cousas do acordo de Alfonso Molina que non se cumpren no proxecto definitivo”

Xiao Varela | “Sospeito que hai cousas do acordo de Alfonso Molina que non se cumpren no proxecto definitivo”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-4b4259c3

Xiao Varela leva os tres anos de Goberno da Marea Atlántica á fronte dunha das concellerías máis complexas e polémicas de calquera concello: Urbanismo. Ou, no caso da Coruña, a da Rexeneración Urbana. Nestes tres anos, tivo que dialogar ou discutir con institucións e colectivos de toda índole, desde promotores ata o Ministerio de Fomento. Incluso cos seus antigos compañeiros de armas, os okupas. Nesta loita moitas veces non chegou aos obxectivos marcados, pero os reveses non parece desanimalo. 
 
Cal é a sua avaliación? 
A miña avaliación é positiva. Pero eu quero máis tempo. Quero poder consolidar o traballo que fixemos que, ademais, foi un traballo moi ingrato.

Por que? 
Porque cambiar as dinámicas urbanísticas dun concello é complexo. Sobre todo cando tiñamos unha visión tan crítica do que se fixera no pasado. O urbanismo é algo que se muda moi dificilmente, non é como unha programación cultural: tes que facerte cargo dos procesos pasados e neste concello, desde que chegamos, se pagaron sete millóns de euros por sentencias xudiciais. O que quero é recoller o froito do traballo que fixemos nestes últimos anos. 
 
Sempre parece estar discutindo con todo o mundo: os promotores, os cooperativistas, Fomento... Mesmo os funcionarios aos que acusou de “manga ancha”...  
Non estou dacordo. É certo que no plano urbanístico se dirimen moitos dos intereses que hai nun termo municipal. Atopei unha boa resposta en moitísimos axentes e un agradecemento a un procedemento que non é o do pasado: as asociacións veciñais, por exemplo. 

Agradecemento por que? 
Ven como estamos intervindo. Levamos máis de 300 obras executadas. Rúa da Torre, Páramo, A Marola... A xente dos núcleos rururbanos nunca viu tanta intención de intervir como agora. 

Pero a Autoridade Portuaria e   os promotores si tiveron moitas obxeccións á forma na que traballa no Concello.  
Eses si que estaban tranquilos no pasado. Pero hai promotores que tamén están conformes. 

A pesar da paralización? 
Nesta cidade constrúese. Hai empresas que levan cinco, seis, sete licenzas de edificios desde que chegamos, e entidades bancarias. En Tabacos hai xa un edificio adaptado ó Plan Xeral e outro xa está planeado... 

Antes mencionou as obras da Marola, en Monte Alto. Alí precisamente atopou bastante resistencia veciñal á peonalización pola perda de aparcamento. 
Sabes o que nos dixeron os mesmos veciños que protestaron? Que continuaramos, que non nos preocuparan as demais prazas de aparcamento. 

Por que foi tan polémica, entón?
É certo que foi a nosa primeira gran intervención para poñer o peón por diante do vehículo privado. Pero despois houbo outras, como a da rúa da Torre, na que se eliminaron trinta plazas máis, e non houbo conflito. E na Cidade Vella, con 3.000 veciños afectados, retiraronse 200 prazas. Está habendo molestias, pero hai un consenso absoluto. 

Que conclusión saca? 
A Marola tivo repercusión, pero calquera intervención... O espazo público é sempre un espazo de debate e calquera transformación esixe debate. Pero ao minuto un despois de ser aberta as obras xa non son contestadas. 

Os cooperativistas do Ofimático tampoco están moi contentos coa labor do Concello. Cando poderán trasladarse aos seus pisos?
Cando teñan o subministro eléctrico. Xa estamos facendo a obra que nos quedaba, os pés das torretas, e imos rematar antes do 31 de xullo. Se Fenosa consigue dar suministro antes desa data, acto seguido, concederemos licenzas de primeira ocupación.

Cantas licenzas concederán?
Hai tres presentadas, dúas a piques de ser concedidas e a outra hai un requerimento importante. Esperemos que o resolvan. 

Os expropiados polo Ofimático seguen manifestándose cada venres. O Concello tampouco foi quen de acadar unha saída aquí?
É o que dicía, é tremendamente difícil cambiar o rumbo. Pero implementamos mecanismos, como pagar as súas débedas coa sua cota de edificabilidade. Implementar ese procedemento administrativamente esixe de moito traballo. E foi novedoso. 

Entón eles non teñen razón?
Eles saben que a ampliación de Alfonso Molina é moi relevante para xustificar a modificación do planeamento que está por vir. Pero seguen demandando os seus dereitos: é o que teñen que facer. 

Sobre Alfonso Molina, alí houbo un desencontro con Fomento. En que punto nos atopamos?
Nós aínda non coñecemos o proxecto definitivo, a pesar de que o solicitamos por escrito (encóllese de ombros) Así eran as cousas co anterior Goberno. A Vedra está, pero queremos ver se se cumpre o que acordamos, porque eu sospeito que hai cousas que non se cumpren.
Pero publicouse no BOP.
Foron tres páxinas de literatura. O caso é que non é o noso proxecto, senón o que acadamos acordar con Fomento.

Foi un fracaso?
Acadamos cousas: unha suba radical de nove millóns a case vinte, con naturalización e pacificación da vía e a reducción da velocidade. 70 kilómetros no tronco e a 50 kilómetros nos carrís de servizo. Para nós era importante. 
 
A ampliación viña de atrás. Había outros temas conxelados que pretendía activar durante o seu mandato. O Parque do Observatorio era un deles. 
Falar do Parque do Observatorio é complexo. Ten unha edificabilidade moi alta asignada, e fixemos unha proposta de reordenación para liberar zona verde pero hai unha sentenza que lle recoñece a unha empresa a súa parcela como urbano consolidado. 

Non hai nada que facer?
Estamos na revisión do PXOM, para que o recoñecemento de esa edificabilidade non aumente máis á do polígono. Até que iso se dirima, non imos poder entrar no Parque Observatorio. En paralelo, tratamos de interlocutar con Aemet para buscar parcelas alternativas no térmo municipal. Depende do Ministerio.

Non haberá Parque do Observatorio neste mandato?
Non o creo. 

Tamén pretendía resolver o contencioso polo edificio ilegal de Conde de Fenosa.
É certo. Agora estamos pendentes no Supremo. O noso criterio foi optar a unha demolición parcial e conseguir así a legalización. Dependemos da Xustiza.

E logo está o das dependencias municipais de Tabacos, tamén paralizadas. 
En Tabacos estamos nun punto morto. Pedímoslle á Xunta que aclarara os termos de cesión porque non é moi claro e temos que facer un investimento. E non nos resposta. Así son as cousas coa Xunta. Teño a sensación de que a utiliza como arma arroxadiza.

Sempre se queixan de que non queren chegar a acordos con vostedes. É parte do seu discurso? 
Coa Deputación, que non é da nosa mesma cor política, chegamos a un acordo: puxo un millón de euros para o estadio de Riazor. Ocorre nos casos en que nos atopamos con institucións gobernadas polo PP: Autoridade Portuaria, Xunta, e ata hai unhas semanas, o Goberno central. Pregúntalle a Abel Caballero (o alcalde de Vigo) que pensa da Xunta.

Sobre as cousas que si dependen de vostede: lamenta non deixar ningunha obra emblemática? 
Creo que si imos ter infraestructuras emblemáticas. O estadio de Riazor é un símbolo da cidade: o estadio máis cercano ao mar do mundo. É un privilexio, e o aspecto que vai ter cando rematemos vai ser moi chamativo. Pero, ademais, nós o que imos facer é unha resolución de redes de demandas históricas, modestas intervencións de grande impacto. Ese é o noso legado.

Xiao Varela | “Sospeito que hai cousas do acordo de Alfonso Molina que non se cumpren no proxecto definitivo”

Te puede interesar