Xaquín Chaves ofrece as súas pezas máis intimistas en “Pintura habitada”

El Ideal Gallego-2011-10-11-014-eec59eb5

  m.g.m. > a coruña

  Xaquín Chaves asegura que o que se pode ver na súa máis recente mostra, en Atlántica,  é unha biografía real do que respira cando está no seu estudio en Lois (Ribadumia). Trátase de pintura abstracta que vai ata a esencia misma e bifurca polo bosque para recoller flores e vexetais. Desemboca no mar que tamén baña as súas composicións e detense sen ofrecer máis do que é preciso. Suficiente para compoñer o telón de fondo da súa vida.
Todo o que inxerta con pigmentos, acrílicos e tintas non sobra e permite chegar a esa paisaxe que está detrás das pinceladas anónimas. Conta o pontevedrés que “Pintura habitada” é unha das exposicións máis importantes que ten montado porque responde a anos de investigacións acerca da espacialidade e do uso de materiais.
Pese a que o artista colleu o pincel hai moito tempo para comezar a expoñer en colectivas a finais dos oitenta, o certo é que Chaves non deixou nunca de experimentar e o que hoxe presenta é o resultado de “acrisolar” todo en pezas onde as cores son iguais de esenciais que as pinturas. Tonalidades básicas que recrean o que o creador recolle. En silencio.
Di o pintor que o espectador ten a oportunidade de contemplar a mostra máis intimista das feitas ata o de agora. Os vexetais e os elementos do mar conducirán ao público pola eternidade. Son obras independentes porque Chaves nunca entendeu de modas aínda que se interesou por todo: “Vas formándote de todo un pouco, do que houbo na historia e do que hai hoxe tamén, agora que todo se move con tanta rapidez”.
Neste aspecto, Chaves tilda de interesantes as novas formas de crear introducindo a imaxe e o virtual, “é lóxico porque está á orde do día e a interacción é importante”. El considérase “pintor” e “pintando, estás facendo cousas novas”. Despois de ofrecer na cidade as exposicións “Material a cor” e “Pintura no aire”, o pincel instálase de novo para disparar latexos do corazón en forma de paisaxes que para todos son familiares. El rescata as pequenas cousas para convertelas en chaves. Capaces de abrir unha xaneliña e asomarse ao exterior. Para ver o que hai.


 

Xaquín Chaves ofrece as súas pezas máis intimistas en “Pintura habitada”

Te puede interesar