domingo 17/1/21

Xabier Díaz | “Eu son de Eirís. Con iso dígocho todo”

“Eu son de Eirís, con iso dígocho todo”. Di que unha cita como a romaría de Santa Margarida lle recorda a cando acudía da man dos seus avós e sentábase sobre a herba a comer empanada. Di tamén que está contento por tocar na súa cidade

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán ás 22.30 no anfiteatro
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán ás 22.30 no anfiteatro

“Eu son de Eirís, con iso dígocho todo”. Di que unha cita como a romaría de Santa Margarida lle recorda a cando acudía da man dos seus avós e sentábase sobre a herba a comer empanada. Di tamén que está contento por tocar na súa cidade, pero tamén está contenta a súa familia nunha festa “súper bonita que vinculaba aos coruñeses co seu pasado na aldea” e nese punto preciso de reivindicación colocaranse Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, para traer ás 22.30 horas música do país e tamén dese Noroeste no que o músico investigou e que hoxe concentran no disco “Noró”.
Antes, subiranse ao escenario Dúbidadúo Trío Band, ás 20.00 horas e Os Melidaos, pasadas as nove. Tanxugueiras serán quenes rematen a noite a partir das 00.00 horas nun anfiteatro no que Díaz e os seus farán que todo funcione á perfección porque “o noso nivel de sacrificio é importante, todos os detalliños están ben mirados, son perfeccionista e estou con xente traballadora”.
A recompensa é un feito, explica, cando “ves a mil ou dúas mil persoas, méteste no camerino e dis ‘mereceu a pena’”. “Nós facemos música tradicional e para dignificala e estar nos mesmos palcos que os indies, hai que buscar a excelencia”. Niso, Xabier di que non son diferentes e na procura de sobresaír, atopa unha mina en Puebla de Sanabria e arredores, “fun alí a investigar xa hai moito” e en contacto cos informantes, proporcionáronlle música sen límites xeográficos: “Son zonas mestas, dunha maneira de facer distinta, é un caldo de cultivo interesante”.
Así que o músico amplía a paleta de cores, con “trazos, melodías, escalas modais, que son as mesmas que as de aquí pero modificadas algunhas”. “Noró” ten por tanto saborcillo zamorano. Pasa o mesmo cando escoita a seu amigo cantor Vítor Ramil, un brasileiro que vive nesa confluenza entre o país carioca, Arxentina e Uruguai: “Pensan que vén un cantante de samba cando, en realidade, trae todo o que lle dá estar en contacto coa Pampa, en ambientes fríos, con rasgos de milonga e de tango”.
É por iso que un pode pensar na música de gaitas como os cuartetos das Rías Baixas, de subtónica máis baixa, pero hai moito máis: “A min estas músicas danme un aire”. No traballo que hoxe presentarán no recuncho de formigón, tamén inclúen un tema leonés porque Díaz se recoñece no norte e “Noró” é unha humilde reivindicación desa franxa que se esquece cando os de fóra lle poñen unha imaxe ao estado: “Ten máis lunares e volantes que outra cousa, e eu non quero ser excluínte pero si chamar a atención sobre isto outro”. Xabier botou vinte anos coa gravadora no peto. Desde finais dos 80, leva recollendo e aínda hoxe asegura que seguen a sorprendelo. Ten unha vocación de profundar e meter as mans en áreas menos “urbanitas”, “non tanto do folclore de primeiros do século XX, senón do que vén da aldea, do fondo dela, dese recuncho de costa inaccesible”. Do arcaico colle apuntes, e cando lle dá a volta, aparece algo exótico”. O seu non é folk ao uso.

Concertos
De todo isto dará boa conta en Santa Margarida onde serán doce tocando tradición, entre zanfonas, acordeón, violín, percusión e gaitas. O parque irase a durmir tras o conto musicado e logo de encher de país ás prazas de Vigo, Galicia e de Lugo para erguerse mañá como protagonista do final doutro, un conto festivo que rematará con recheo de bonito e zamburiñas, sendo romaría, fogos artificiais e música.
Ás doce tocará a Banda Municipal. Despois estarán os de Xacarandaina e xa á tarde, actuará un grupo de gaitas e baile participativo. Darán paso a Samarúas e a Sondeseu e convidados. Momentos para confraternizar coa gaita asturiana de Amieva, a percusión da vallisoletana Vanesa Muela e o cavanquinho de Peixoto. l

Comentarios