Unha cinta sobre o “Proxecto cárcere” loitará por premio no Reina Sofía

El Ideal Gallego-2011-11-16-014-a8cd27e2

 O movemento alerta do pasotismo do Concello e o SIEP ante un edificio histórico que se está caendo a cachos

marta garcía márquez > a coruña
  Competirá a semana que vén no certame Cinemad. Nunha sala do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, os presentes poderán ver un cacho de historia ateigado de persoas. As que queren un futuro paro o antigo cárcere. Os que están traballando por convencer de que namentras o Concello non decida un segundo uso para o que foi testemuña dos azoutes do franquismo, a cultura é a mellor opción para encher de vida as celas.

Eles están dispostos a manter o espazo en condicións.
O video reflicte toda esta vontade en dez minutos no que so se poden ver persoas. Sociedade e música. Barullo. Nesa idea de que as palabras sobran cando as imaxes son capaces de dicir tanto. O seu autor, Tono Galán, quixo recoller a masa no transcurso dunha xornadas programadas no pasado mes de xuño, onde os distintos axentes culturais amosaron as súas inquedanzas e un cantautor colleu a súa guitarra para darlle ao encontro un toque marabilloso, nun edificio que foi circo e cabaré. Obra plástica que se remexeu entre o conxunto. Especialidade culinaria pola que un pagou o que lle parecía máis xusto.
Pero este exemplo de civismo e iniciativa popular víase derrumbado meses máis tarde cando unha serie de actos vandálicos levaban á prisión á UCI sen que ningún organismo reaccionara. Contaba o artista coruñés que o movemento “Proxecto cárcere” no que se integra acababa de recibir unha contestación por parte do Ministerio do Interior, na que facía responsables do coidado do centro a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios.
O colectivo alertaba ao Goberno central dos ataques que estaba sufrindo por parte de persoas que destrozaron o panóptico e a caixa de luces, pola que o Concello investira 18.000 euros de cara ás xornadas que saen reflexadas na cinta. Interior pasaba así a pelota ao tellado do SIEP, unha especie de promotora que está levando a xestión destes edificios abandonados a súa sorte.
Dicía Tono Galán que ata que se salde a débeda pendente de María Pita a Facenda, o cárcere non pasará a ter titularidade municipal, o que se traduce nun impás que suporá unha metástase na prisión se ninguén pon os medios. Neste aspecto, “Proxecto cárcere” está disposto a impedir que non se converta nunha podremia algo tan máxico como o inmoble vermello que mira ao mar.
Galán asegura que se o Concello quixera, eles xa terían as chaves para salvar ao edificio da morte e advertía que o estado no que se atopa na actualidade “mete máis terror que cando había presos”. Ademais, o movemento está á espera dunha resposta por parte de Carlos Negreira, ao que lle remitiron unha carta amosando a súa preocupación.
O que está claro para Galán é que o tema ocupa un segundo, terceiro ou cuarto plano para os que se sentan en María Pita, mentres que para eles se trata de algo  prioritario. Porque hai moita cultura sen espazo na cidade, a prisión podería seguir os pasos doutros edificios semellantes nos que son os propios cidadáns quenes xestionan os contidos.

Estudos > Eles levan pensando durante un ano as opcións máis económicas para converter o bloque nun epicentro social con arquitectos que están a buscar as mellores solucións e creadores con moitas cousas que meter na tortilla: “Nosotros no inventamos nada pero si creemos que la sociedad tiene la madurez suficiente como para avanzar”. Ademais, o artista lembraba que a situación xeográfica na que se atopa o inmoble fai que as inclemencias do tempo actúen con maior intensidade. A ubicación ao norte fai que o deterioro sexa cada vez máis alarmante e o enfermo terminal ao que ninguén fai caso, como o definía Galán, estea máis próximo ao fin.
Será o martes cando esta iniciativa popular traspase o telón de grelos e berre ante a impotencia de ver como parte da historia da súa cidade se está caendo.
A cinta loitará por un premio no apartado de videocreación que esixía que as propostas tiveran que ver con asuntos sociais. Neste caso, o que está gravado son nada máis que dez minutos de sociedade. De todas as idades. Sen ruídos arredor dela. So música para os oídos. E acción.

 

Unha cinta sobre o “Proxecto cárcere” loitará por premio no Reina Sofía

Te puede interesar