Touriñán | “O Depor vénme moi ben para as partes dramáticas”

Touriñán | “O Depor vénme moi ben para as partes dramáticas”
el ideal gallego-2019-11-24-012-9941b260

O actor e humorista Xosé Antonio Touriñán será o encargado de apadriñar o acendido das luces de Nadal do centro comercial Marineda City, para o cal participará nun breve espectáculo, que terá lugar o próximo xoves, día 28, a partir das 20.00 horas.

Será, por tanto, o mestre de cerimonias deste acto “que constará de tres partes”, tal e como explica o propio Touriñán. Unha primeira de presentación, cun pequeno monólogo humorístico; unha segunda cun espectáculo creado pola compañía Pablo Méndez; e a terceira, a do propio acendido. “O espectáculo, en total, pode durar uns 40 minutos”, sinala o actor tras repasar as tres partes que conformarán este acto.

Últimamente semella que, ao falar de luces de Nadal, a cidade de Vigo, e por asociación, o seu alcalde, Abel Caballero, monopolizan este asunto. “Eu síntoo por el, poden poñer todas as luces que queiran, pero Marineda en Vigo non hai”, bromea Touriñán ao falar sobre o tema.

“Fariña”

Últimamente, o actor e humorista non para de sumar éxitos nos teatros de Galicia. Primeiro foi con “Somos Criminais”, xunto a Carlos Blanco; despois con “Unha noite na praia”, cos mesmos protagonistas; e agora faino con “Fariña”, a adaptación dramática do libro homónimo de Nacho Carretero.

“Está a ser máis incluso do que podiamos agardar”, di Touriñán sobre o éxito da peza teatral. A obra comezou a xirar por Galicia hai un mes, con “catro bolazos” nun teatro Colón que se encheu para cada unha das funcións. “Falando desa historia Vigo-Coruña, acabamos de estar en Vigo, con tres funcións”, co mesmo éxito que na Coruña.

Precisamente en Vigo, a última función rematou “coas mulleres de Érguete, as protagonistas reais, as heroínas de toda esta historia” enriba do escenario. “Carmen Avendaño comentoume que lle parecía unha homenaxe preciosa para os fillos que faltan”, comenta o actor, “iso para nós é unha satisfacción, que lles guste tamén ás protagonistas é unha enorme satisfacción”, engade.

 

O sufrimento do Depor

Touriñán sempre di que, cando lle toca actuar no teatro en fin de semana de partido, ten un ollo na función e o outro no xogo do Depor. A situación que vive o clube é de urxencia, pero o humorista tómao, precisamente, con humor: “Vénme moi ben para as partes dramáticas da obra, esas sensacións vénme moi ben”, comenta entre risos.

“Eu son dos que leva o portátil para ver os partidos no camerino”, explica, aínda que, ante o mal ritmo do Depor, intentará “non sufrir moito”. “Esperemos que nos toque xa gañar”, engade rindo.

Touriñán | “O Depor vénme moi ben para as partes dramáticas”

Te puede interesar