“Todavía non está decidido quen vai encabezar a lista do BNG nas eleccións de 2015”

“Todavía non está decidido quen vai encabezar a lista do BNG nas eleccións de 2015”
Copia de El Ideal Gallego-2014-06-06-007-6d494d00

Unha cidade máis empobrecida e con maiores diferenzas socias entre o centro e os barrios. Así é como ve A Coruña o voceiro do BNG, Xosé Manuel Carril, (Londres, 1969) tres anos despois da chegada do PP á Alcaldía. Co partido nun dos seus momentos máis baixos de popularidade, o profesor de dereito ten por diante o reto de recuperar o electorado, pero sen mudar a “maneira de ser” do BNG. A clave está “na soberanía”.

A que atribúe o perda de votos do BNG nas pasadas eleccións?
Os resultados son preocupantes porque hai unha baixada de votos se os comparamos coas últimas europeas. Pero ao mesmo tamén hai un certo alivio porque as cousas poderían ser moito peor, e porque nós tivemos un veto por parte dos medios públicos de comunicación. Houbo unha especie de sinlenciamento da presenza pública do BNG e tamén certa criminalización.

A parte de criminalización e do silenciamento, pensa que algo están facendo algo mal?
Nós non imos cambiar a nosa maneira de ser nin a nosa mensaxe, outra cousa é que teñamos que esforzarnos moito máis en poñer de manifesto que unha gran parte dos problemas que neste momento se propician pola crise podan ter a súa solución precisamente reivindicando moito máis poder de decisión. Para poder ter políticas de esquerda temos que ter soberanía.

Como interpreta a irrupción de Podemos?
Hai que prestarlle atención. Ademais hai que darlle os parabéns as persoas de Podemos porque, dalgunha maneira, incentivan a participación nas decisións públicas e na política e, dende ese punto de vista, é algo moi positivo. Cuestión diferente sería que houbese un descenso de participación da cidadanía. Porque esa desafección é o caldo de cultivo para que haxa ese espazo baleiro e haxa autócratas autoritarios ou novos fascistas.

Influiu nos resultados o feito de que concorresen con Bildu?
Para nada. O tema da criminalización do BNG vai en parte por aí, no sentido de que Bildu é unha forza totalmente democrática e normal que ten unha vida normal con outras forzas estatais en Euskadi como co propio PP. Ademais, precisamente neste momento frente ao poder das oligarquías a clave está na democracia e na soberanía, no poder de decidir, e non hai políticas de esquerdas se non hai soberanía.

Que soberanía ten Carlos Negreira na Coruña?
Máis que soberanía ten poder absoluto. Outra cousa é como exerce ese poder absoluto, e non o está a facer para reorientar A Coruña como motor de desenvolvemento económico e social e para evitar o deterioro que se está a dar no público, nos barrios... Está utilizando o seu poder absoluto para goce e beneficio único e exclusivo dunhas minorías, e en detrimento das maiorías. A proba é analizar os seus tres anos de goberno.

Cal é o balance destes tres anos?
Hai un empeoramento na vida dos barrios. Está creando dúas cidades dentro da mesma cidade, entendendo metaforicamente a cidade do Parrote, que non deixa de ser unha zona enriquecida e excluínte, frente a verdadeira cidade que é a dos barrios que están sendo empobrecidos, despreciados e excluídos.

Ten a sensación de que é o único que le os expedientes antes dos plenos?
(Sorrí) Facemos o que temos que facer. En política toda alternativa e crítica que se faga a unha proposta ten que estar previamente fundamentada. E para iso hai que estudar. E en política hai que estudar.

Cales son os plans do BNG de cara as municipais de 2015?
Seguir na misma liña de trasladar as demandas sociais. E non só iso: cuestionar e poñer en evidencia o fracaso das políticas do goberno local, que hai que reforzar os servizos públicos, apostar polos novos sectores produtivos na cidade e polos barrios.

A nivel de nomes, formará parte o equipo actual das próximas listas?
O BNG é unha organización na que todo se decide por asamblea, tanto o programa, como o cabeza de lista como as persoas que vaian na candidatura. E imaxino que a partir de setembro se empezará a falar de todo iso. Pero non temos problemas en elexir a quen represente ao BNG, podo ser eu ou pode ser unha persoa diferente porque nós non cremos nos personalismos, senón nos colectivos.

Se chegado o momento se presenta unha alianza Anova-Podemos as eleccións locais, o BNG podería achegar posturas con estas forzas?
O BNG non ten ningún tipo de problema en falar con outras organizacións políticas, pero sobre a base de plantexar solucións aos problemas que haxa. Pero de cara a unhas eleccións creo que neste momento é un pouco precipitado falar porque todavía non está nin decidido quen vai encabezar a lista do BNG.

Como lle sentou ao partido aparecer no sumario da “Pokémon” como suposto receptor de 6.000 euros por parte da empresa investigada?
Pois con certa preocupación. Neste momento estamos a concluír a investigación que dixemos íamos facer. Nós con quen mantivemos contacto foi coa entidade bancaria e no certificado que nos emitiu non consta que sexa o grupo Vendex, pon que o ordenante de pago é o BNG. Entón nós estamos para saber quen fixo esa doazón, doazón que por certo o BNG declarou ao Tribunal de Contas, pero o que queremos e que se esclareza canto antes, non para quedarnos nós cartos, senón para que no caso de que se confirme que é o grupo Vendex ou no caso de non identificar quen o fixo, devolvelos. E en caso de que haxa algún tipo de irregularidade asumiremos a nosa responabilidade. Pero en principio, coa documentación que temos da entidade bancaria, non consta que sexa Vendex.

E se fose do grupo Vendex?
Como mínimo devolveríanse os cartos. E a partir de aí poderíanse mirar máis cousas como que os mecanismos de control interno se cadra hai que melloralos porque non funcionaron correctamente. Pero aí hai unha cousa clara: dende o punto de vista legal a entidade bancaria é a que está obrigada a identificar a persoa que fixo o ingreso non o BNG. Pero no tema da “Pokemon” non temos nada que ocultar. E se chegado o momento se desprende calquer tipo de irregularidade do BNG asumiremos a nosa responsabilidade.

Por esa regra calquera concesionaria podería facerlle un ingreso ao BNG...
Por iso, sobre a base de que por lei a entidade bancaria está obrigada a identificar quen fixo a doazón, o BNG terá que extremar os controis.

Cando fala de responsabilidades, refírese a políticas?
Teríamolas que valorar e hai que esperar a ver como se desenvolve isto. Pero, en principio, en función da gravidade dos feitos claro que as habería que asumir. 

“Todavía non está decidido quen vai encabezar a lista do BNG nas eleccións de 2015”

Te puede interesar