Susana Seivane | “Embarazada chegoume unha inspiración que non tivera antes”

Susana Seivane | “Embarazada chegoume unha inspiración que non tivera antes”
Seivane tocará mañá na homenaxe “Lúas de outono” a Manuel María | cabalar

Mañá, os coruñeses regalaranlle a Manuel María a súa décima lúa de outono nun tributo no que soará a gaita de Susana Seivane, que presentará ás 20.30 horas no Rosalía “Fa”, “un disco que tardou en saír, moi traballoso igual que os embarazos que tiven cos nenos”. Pasaron oito anos desde que Seivane non aparecía cun formato físico na man, aínda que “fixen xiras todos os anos, menos cando naceu Antón porque era agosto pero rodei polo inverno e gravei para Kepa Junkera”. 
Nai de dous fillos, a maternidade influiulle moitísimo. Eles están no mesmo título porque Fa é Antón máis Fiz e porque a historia do álbum comezou cando quedou embarazada do primeiro e chegoulle unha inspiración que non tivera antes. Por iso, non deixou de tocar ata que puido apretar o fol. Neses meses, entraron un montón de melodías. En “Fa” son todas súas menos dúas, obra do seu baixista Iago Rodríguez: “O demais é todo meu, moi persoal e comprometido”. 
As boas críticas non se fixeron esperar e desde o venres pasado que o álbum respira no exterior, recibe piropos, de profesionais e de “seivaneiros”. Certo é que a súa evolución a viron nos directos. O seu estilo segue e con el a esencia que lle fai dicir aos espectadores:  “Aí está Susana”, mais con “Fa” tamén está o rock e o funky, “sons máis contundentes”. 
No proxecto, os temas van parellos aos altibaixos que producen as hormonas: “Eu dicía que se ían de repichoca” e aos medos, que aparecían de repente e que viñan seguidos de alegría. Esperando a que pasara ese primeiro trimestre de desaxustes, compuxo “Momentos”. Cando se ía achegando o parto veu “Sabendo miradas”, para ela a máis fermosa, porque “quixen plasmar o que significaron os partos, despois de nacer os dous, que agora teñen cinco e tres anos”. 
A peza divídese en tres. Ao primeiro é lenta, pero vai in crescendo segundo faltan menos semanas, “estou cansa e con dores de espalda e cadeira, pero psicoloxicamente moi contenta”. 
Así faise agresiva e berra de sufrimento para contar todo “o mal que pasei no proceso de dilatación, foron todos moi dolorosos e longos”. Na terceira, conta con música o expulsivo dos nenos, para o que extraeron dous audios, “o do corazón latexando de Fiz cando estaba en xestación e o choro de Antón no parto”. O tema volta a ser tranquilo. Rezuma felicidade, a dunha muller “rota de amor e de dor”, que ve como “por primeira vez nos soubemos as miradas”. Asegura Seivane que neste tempo que a leva tocando viu a xente chorar. 
A artista tocará en directo un proxecto musical que completa con palabras nun libriño onde expón e denuncia feitos, realidades sociais como a nula conciliación familiar, sobre todo, cando os pais son autónomos “e tes que tirar con todo”. 
Mañá expresarao en directo conectando coa linguaxe de Manuel María, que tan ben sabía escribir do amor. Do poeta musicarán dúas composicións do libro “Escolmas de poetas de Outeiro de Rei”, no que o chairego homenaxeou ao lugar de nacemento. Non teñen título, pero ela e a súa banda chamáronlles “O meu soño soñador” e “Torto ou dereito”. Para que os sentimentos flúan e os coruñeses poidan ver como Susana se quita capas para ser máis ela que nunca, interpretando temas que nacen do corazón. l

Susana Seivane | “Embarazada chegoume unha inspiración que non tivera antes”

Te puede interesar