“Son unha ridícula do século XXI, unha intensa que chora ao pensar certas cousas”

“Son unha ridícula 
do século XXI, unha intensa que chora ao pensar certas cousas”
A artista asegura que hai moito divismo e pouco choio

Hai moitas Sés nun so disco. Son froito do que escoita porque desde un punto de vista escatolóxico, “cagas o que comes” e a arte “son os desfeitos que saen do corpo”, de todo o rock clásico e o blues dos anos 30, 40 e 50 que mastiga e da canción de autor que soa noutro lado do charco e neste porque “quérolle a moitas persoas, pero a miña nai máis”.
A coruñesa entrará pola porta do Rosalía mañá e o xoves –xa coas entradas esgotadas– para presentar ás 20.30 horas “Opoñerse á extinción”, outro berro seco dos que fan falta ante os que ela chama anodinos e que son produto do sistema: “Eu son o que son e non teño problema con iso”, di. E sendo o que é, desviando aquelo que tratan de impoñer, canta: “Hai xente que ten a música como medio para o éxito e non coma fin. Para min, a música é o que me fai feliz” e recorda a Fito nunha entrevista na que lle preguntaron polo placer de encher estadios: “El contestou que o que realmente lle movía era facer unha canción e dicer: “Me ha quedado de cojones”. Nesas tamén anda Sés.
De feito, cando publica un disco, María Xosé Silvar xa está a pensar nun seguinte porque ela vai creando segundo o corpo lle dita e cando ten moito material, escolle. Trata de darlle unha xeitura e atender ás demandas dos seus, “neste metín ‘Dúas lúas’ por unha rapaciña que coñecín nos concertos”. Así até unha ducia de cancións, que vai salpimentando ao gusto como cando guisa, “dependendo de como ule sabes que non lle podes meter albahaca”.
Non lle dá moitas voltas. Sés é visceral, ela e todo o que fabrica. O único que lles esixe aos temas é que sexan fermosos, redondos. Escóitaos e vailles dando o que piden, mais como ocorre cos fillos, eles son os que collen o seu camiño.
O cuarto álbum ten de todas as épocas. “Opoñerse á extinción” é Uxía, a súa irmá, e tamén amor que “é a grande marabilla desta raza, o que nos pode salvar”, sobre todo, o amor pola cultura porque unicamente entendendo o que “nos están facendo”, poderase derruír o que ela predi: “Hai unha lei que é básica, a lingua que non falan os nenos morre”. Mentres, o “nós” de Castelao que pendura tatuado dun dos seus brazos resiste: “Seguimos sendo galegos por obra e gracia do idioma”.
Atendendo a esa identidade que pasea en calidade de cantareira, unha marca que leva na gorxa e na crueza da voz, rexeita todo canto discurso estea tinguido de vitimismo: “Fixen centos de concertos en cervecerías e mesóns. Non tiven vontade de ser cantante, pero vaste deixando ir” e co fuciño metido de cheo na música, traballa, non se cansa de facelo e ve persoas indignadas se non teñen público: “Fai falta moito choio e menos divismo e “a min non se me caen os aneis por erguerme cedo e ir a gravar”. Hoxe en día, asegura que darlle forma a un disco é máis barato, “eu produzo os meus e son filla de obreiros, neta de obreiros e estráñame que os demais non o poidan facer”.
Xunto coa autocrítica, a mesma que a separa de moitos dos seus compañeiros, é consciente de que os hai que non querer oír o que ela canta porque non son temas banais e “ser guai está por enriba de todo” nun mundo en que a xente non quere ser lista, quere parecelo”.
Pero a historia “é moi simple”: “Se non tes paixón, non podes transmitir” e iso, sostén a cantareira, “é o que fai empatizar”. Aínda así, Sés defínese como unha “ridícula do século XXI, unha intensa que chora de pena ao pensar certas cousas” e como Rosalía, busca versos contra todo ese cinismo. Atópaos. Non hai máis que crer na palabra e cantala. Crúa e doce, á vez.

“Son unha ridícula do século XXI, unha intensa que chora ao pensar certas cousas”

Te puede interesar