“Somos o grupo coruñés con máis proxección internacional e é de xustiza poder tocar aquí”

“Somos o grupo coruñés con máis proxección internacional e é de xustiza poder tocar aquí”
luar na lubre

Co novo disco no maxín, o grupo de folk Luar na Lubre chega hoxe á praza de María Pita para amosar o mellor da súa traxectoria nos últimos 27 anos. Malia todo, nun contexto de dificultades para a cultura pola baixada do consumo de ocio, o músico Bieito Romero –un dos membros fundadores desta formación coruñesa– demanda unha maior aposta da cidadanía pola cultura galega.

Son unha banda xa habitual nas festas da Coruña, que tal senta actuar na casa?
Non somos habituais das festas, é a segunda ou terceira vez que tocamos, o que ocorre é que na cidade xa actuamos moitas veces nos teatros por distintos motivos.  Estar dentro da programación é importante, é unha honra e máis porque estamos no cerne que nos veu nacer. Somos o grupo coruñés de máis traxectoria, con máis discografía e proxección internacional e é de xustiza tocar aquí.

Que vai poder escoitar o seu público?
Estamos coa xira do último traballo, que foron tres cedés e un dvd gravado na Quintana que son unha retrospectiva dos 27 anos con clásicos que non poden faltar. Contaremos moitas historias durante dúas horas e pico.

Luar na Lubre tamén sae moito fóra de Galicia, polo mundo adiante aprecian o seu estilo?
Apréciase moito, hai xente que sabe moito de folk e que non sexa o cotidiano é un valor engadido. O groso dos nosos concertos son no exterior, fóra a xente sabe valorar o que é pagar entrada. Aquí estamos acostumados a que todo sexa gratis e a xente non está afeita a pagar por esta música.

Quere dicir que os galegos non apreciamos o noso?
Non, é unha cuestión educacional. Se queremos que a nosa cultura perviva debe autofinanciarse sen depender das institucións.  Aquí pensamos “para que vou pagar se dentro dun mes os teño en tal sitio gratis”. Por exemplo aquí nos festivais non se cobra e noutros lugares si, malia que sexa unha cantidade simbólica.

Pensa que pode ser polas orixes humildes do folk?
Non, esta é unha música que ten un status, somos profesionais e hai que entender que nada é gratuito. O asunto é que valor lle da cada quen á música en xeral; aquí non temos un compromiso como noutros lugares nos que se aposta pola cultura propia e iso é clave.

Estamos a falar doutros lugares do Estado ou doutros países?
De Cataluña, Euskadi, Andalucía... A cuestión é valorizar a súa cultura porque a aprecian. No resto de Europa non hai concertos gratis, un festival gratuito sería impensable: a rareza está aquí.  Non digo que non haxa actuacións sen pagar pero na súa xusta medida.

É dicir, nun momento de crise e recorte de subvencións habería que buscar a autofinanciación dos festivais...
Si, o que paga entrada é porque ten interés en ver unha actuación e non é o mesmo que estar nun sitio por estar porque é gratis. Hai que valorizar a música.

Regresando a Galicia, onde se aprecia máis a Luar na Lubre? Nas cidades ou nas vilas?
Depende. Temos claro que temos unha gran capacidade de convocatoria e se o concerto é gratis enchemos todo. Si é a 15 euros a entrada depende. En eventos como festas e festivais abarrotamos e sentímonos moi queridos, tamén na Coruña.

Pola xeografía galega adiante hai rivalidade coas orquestras para conseguir actuacións?
Non hai loita, cada un ten o seu espazo e as orquestras teñen o seu circuito afeito a esa tradición que non é antiga pero tampouco recente, terá uns 50 anos. Non  tentamos competir con elas, o noso público é diferente; elas están para facer que a xente baile e nós somos un grupo más cercano a unha interveción cultural e para escoitar.
 
E despois do marcado na axenda para este mes, cal é o plan?
Na axenda hai concertos ata de- cembro e sei que estaremos en Ribadavia, Cáceres, Canarias, Cantabria... Traballamos bastante e incluso fálase dunha viaxe a Montevideo e outra a México. Nós nos paramos e o parón que teñamos será para preparar o seguinte traballo, que temos que comezar a gravar a finais deste ano ou principios do próximo.

Xa teñen un disco en carteira despois de publicar o último o ano pasado?
Acostumamos a sacar un cada dous anos e polo ritmo de traballo e edición temos que sacar outro. Somos un grupo con moita enerxía que non pode parar.

Pode adiantar algo de por onde irá o son de Luar na Lubre?
Como todos os nosos discos terá un concepto detrás. Agora se baralla a posibilidade de facer algo sinfónico e ogallá sexa cunha orquestra galega pero estamos en conversas con varias. Tamén nos gustaría poder facelo en directo, malia que sexa só unha ou dúas veces. n

“Somos o grupo coruñés con máis proxección internacional e é de xustiza poder tocar aquí”

Te puede interesar