Sargadelos aspira na súa nova etapa a consolidarse no mercado internacional

Sargadelos aspira na súa nova etapa a consolidarse no mercado internacional
xosé díaz (na foto) e o seu irmán partirán das ideas do seu pai efe/cabalar

Comeza unha nova etapa para a fábrica de Sargadelos despois de que hai aproxidamante un mes os fillos de Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz, acordaran cos descendentes doutro dos fundadores, Ángel e José Luis Vázquez, conformar un único bloque accionaral. Eles representarán a partir de agora o 60% dunha firma que aspira a posicionarse dunha forma rotunda no mercado internacional.
Até o de agora o azul cobalto da cerámica con fábrica en Sada cruzou os Pirineos de forma puntual pero a idea é trazar unha política comercial co fin de que todos os pasos dados en territorios alleos respondan a unha planificación feita de antemán: “Ata agora non estaba moi ben definida a nosa presenza fóra”. O fillo do ilustre fala de que si se poden ver vaixelas e pezas decorativas en países como Estados Unidos, Rusia, Italia, Francia ou Xapón pero a empresa precisa consolidarse no exterior.
Sempre seguindo as premisas ditadas por Luís Seoane e Díaz Pardo, que non son outras que as que saen de impregnar de tradición toda a liña de produtos da firma para darlles á vez un baño de universalidade.
Precisamente desta filosofía local-universal partirán os herdeiros dos que discorreron a fórmula de plasmar Galicia en xerras e bandexas coa vantaxe de saber sobre o que comercializan: “Temos moita experiencia no tema da porcelana e isto danos unha perspectiva distinta”.

O acordo entre os Díaz e os Vázquez conleva o control
do 60% da firma


Por outra parte, o futuro de Sargadelos non será fácil tendo en conta que nas dúas plantas de Cervo e O Castro está aprobado un ERE desde finais de decembro (Expediente de Regulación de Empleo) que se coñece como “mixto” e que fai que apenas haxa actividade nos meses de inverno coa idea de recobrala en verán cando o consumo de cerámica sexa maior.
Deste xeito, os preto de 200 empregados que suman entre as dúas fábricas galegas traballarán seis meses de maneira salteada en 2013 co obxectivo de evitar o peche da firma e voltar a operar con normalidade unha vez se lle dea saída ao stock acumulado.
Xosé Díaz cre que no período estival a cerámica regresará a unha situación de normalidade: “Recuperaremos posicións e en seis meses estaremos fóra de perigo”. Para seguir aumentando a produción de cara a saír ao estranxeiro de forma planificada. Aínda así, asume que o momento é delicado pola caída da demanda. En función dela, a plantilla incorporarase en maior ou menor cantidade.
A meta pasa por sobrevivir á crise pouco a pouco e internacionalizar os deseños que teñen cabida en moitos dos fogares galegos e do resto do estado. Despois de consolidarse como marca no territorio peninsular, a intención é de facelo agora nos distintos continentes.
É máis, antes do acordo tomado entre as dúas familias de fundadores, Sargadelos xa deu pasos neste campo e asinaba un pacto con dúas distribuidoras en Suramérica e Rusia para establecer unha ponte aérea entre Galicia e estes dous puntos do mapa. Ademais, abría no mes de novembro a tenda on-line para facilitar aos usuarios a compra a través de internet.

Sargadelos aspira na súa nova etapa a consolidarse no mercado internacional

Te puede interesar