A romaría de Santa Margarida invade a cidade a golpe de pandeiretas e alalás

A romaría de Santa Margarida invade  a cidade a golpe de pandeiretas e alalás

Rachando co establecido, a romaría de Santa Margarida saiu do verde no que estaba estancada para abrir a cidade á tradición. O experimento resultou e se na praza de Vigo se formaron até tres rodas de xente bailando a Carballesa de Seteda con Montse Rivera, sacando puntos e buscando a súa parella coma quen ten un tesouro que coidar, na de Galicia, Xurxo Souto falaba dos “trailalailas” de Feáns, que entoaban regueifas nos días de festa como aínda hoxe o fan no Caurel nos casamentos. A poucas mazás, en Méndez Núñez, unha señora botaba un aturuxo espontáneo no medio do baile onde os cativos de Donaire amosaban arte co corpo, nun derroche de raíz que converteu a praza de Lugo nun fábrica de instrumentos. 
Xunto ao mercado e colindando coas boutiques, saíron turutos con canas e pandeiretas feitas con pratos de plástico, que fixeron máis ruído aínda nunha xornada distinta. Porque sobre o asfalto, os que coqueteaban coa muiñeira souberon que na aldea de Piñeira, o bailador que era un, gastaba camisa branca e andaba todo estirado, que alí xuntaban os xeonllos para bailar ao Lina Morgan e que Leonarda de Tallo saltou as regras en Ponteceso e ergueu a voz nesa técnica de improvisación que “non é tan do pasado”, dicía Xurxo Souto.
A música fíxolle un oco á palabra para pasar ao epicentro do conto, Santa Margarida, que deu a benvida aos romeiros con Pesdelán, que chamou á participación. Ensinou os pasos enriba e embaixo e conseguido o “feedback” co público, Tiruleque levou o son en temas propios e alleos para dar paso a Xosé Lois Romero & Aliboria, que viñeron coa festa en forma de cantareiras e percusión para rematar a sesión de directo con Os d’abaixo nunha dose última de folclore.
Pero a romaría non termina e prepara unha derradeira hoxe no parque acompañada de gastronomía, pasarrúas, talleres para os nenos e as actuacións de Xacarandaina, Vieux Farka Touré e Treixadura. Todo rebozado dunha traca pirotécnica final.

A romaría de Santa Margarida invade a cidade a golpe de pandeiretas e alalás

Te puede interesar