Rodrigo Romaní | “A música tradicional está dentro da sociedade galega máis ca nunca”

Rodrigo Romaní | “A música tradicional está dentro da sociedade galega máis ca nunca”
2018042700241535198

Romaní estará ás 20.30 horas en formato trío para tocar temas propios e versións, ampliando o repertorio instrumental dunha arpa que hoxe se colocará ao lado dun piano para ser “Fíos de ouro no ár”. Todo baixo o selo dun home que leva 40 anos aí enriba.

Supoño que actuar no Rosalía sempre é un pracer.
É un teatro que está cheo de connotacións e historia, historia tamén relacionada coa música de tradición oral.

E de novo, a arpa en escena.
Vén a completar o anterior “As arpas de Breogán”, pero non está enfocado ao mundo afeccionado á arpa, senón ao público xeral, un instrumento que pouco a pouco se foi introducindo en Galicia desde finais do século XX, a finais dos 70 para prender no máis próximo á música tradicional, e tamén na culta. Hoxe moitísima xente está estudándoa.

Que aporta este instrumento?
É moi etéreo e máxico e conecta fácil co sentimento e co corazón. Quixemos por iso poñelo na terra, que non sexa tan místico, pero conservando o atractivo que ten, o seu ritmo e alegría que suxiren danza.

Que fan para facelo máis terreal?
A fórmula deste trío é xogar co timbre de dúas arpas, que presenta moitas riquezas. Está ese mundo etéreo que vén das cordas de fíos no ár, pero que asentamos con percusión.

Que tipo de percusión usan?
O que se chama en termos musicais “étnica”, pero que é de tradición oral de toda a vida como o laúde, asociado a determinadas culturas pero que é global. Nós non asociaríamos nunca o bombo dunha orquestra a unha cultura concreta.

Como será a posta en escena?
Estarán as dúas arpas ocupando o protagonismo de todo o discurso, pero tamén tiraremos do audiovisual e de invitados.

Cun Romaní que é parte da historia desta música, a nosa.
O outro día recordáronme que había 40 anos do primeiro disco que saquei con Antón Seoane. É unha maneira de vivir, a certas idades como a miña, teño 61 anos, tiras un pouco de freo e vas facendo concertos e discos de vez en cando. Vai unido ao oficio.

Hai temas propios e tamén versións. Como foi construíndo o traballo?
Trátase dunha mistura de composicións propias e versións. Xogo con esas dúas fontes, móvese entre o persoal e a tradición para ampliar repertorio instrumental. Son cousas que un vai fabricando, arranxando... e salvo aquilo que me parece digno. Edítoo e aínda que parece que finaliza un etapa, empeza outra.

En que está traballando agora?
Vou alternando porque estou con SonDe Seu e aínda que o mundo da orquestra non é contrario, dista moito do outro.

Fáleme dos convidados.
Teremos a Nani García nunha especie de experimento xa que de arpa e piano xuntos non hai moito onde mirar e tamén estará Guillerme Ignacio, de Quempallou.

Como respira a música tradicional?
Tivo un boom moi grande que deixou un poso que fai que hoxe as escolas e os centros estean repletos de xente. O público máis que escoitar música, protagonízaa, pero non lle acompaña unha industria. Non é que non interese, penso que a explotación comercial non se asenta. A música tradicional está dentro da sociedade galega máis ca nunca.

Rodrigo Romaní | “A música tradicional está dentro da sociedade galega máis ca nunca”

Te puede interesar