O ribeirense Antonio Piñeiro gaña o segundo Torrente Ballester en galego

O ribeirense Antonio Piñeiro gaña o segundo Torrente Ballester en galego
O xurado escolleu a obra entre doce finalistas e un total de 59 presentadas

“Foi unha cousa tremenda”, dicía o gañador da segunda edición do Torrente Ballester en galego, Antonio Piñeiro. Pasou que desde que recibiu a notificación do premio, o teléfono non deixou de soar. Aínda sorprendido polo veredicto da Deputación, o ribeirense explicaba que non o esperaba polo arriscado da proposta xa que é pouco habitual a forma na que envolve a historia: “Poderíase definir como unha corriente de conciencia”, unha especie de monólogo interior para contar o fenómeno da emigración a través dun núcleo familiar que quedou desestruturado pola marcha do pai a Bélxica.
“A través do fume” convenceu ao xurado por ser un relato “cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina”. Tamén pola recreación “maxistral” da memoria. Faino, explicaron os expertos, mediante un tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como selos ou cartas.
A escolla da obra produciuse por unanimidade. O enfoque calidoscópico do tema que toca a todos non deixou lugar á dubida e pese a que Piñeiro pensou que sería difícil, as peculiaridades oníricas que ten gustaron como para vencer ás outras doce finalistas e ás 59 presentadas.
Deste xeito, o novelista escribe en clave de prosa poética sobre a reparación da familia, dos que colleron a maleta entre os anos 50 e 70. Neste caso, ao pai pásanlle avatares particulares e o vínculo rómpese. Cóntao a filla xa de maior e entran en escena, ademais dos proxenitores, “personaxes como unha viaxeira, unha nena que aparece na rúa, alguén que se cruza...” e o relato faise íntimo. Nel, asegura Piñeiro, constátase que as pequenas cousas son as que van formando a personalidade da rapaza.
Afirma tamén que no libro non hai traxedia. Tampouco humor e si “unha irremediable melancolía na que nos recoñecemos todos algunha vez”. Ela experimenta nas páxinas toda esa separación e “A través do fume” trata o fenómeno migratorio desde a perspectiva de fóra: “É unha introspección, onde o protagonista evoca”.

Xurado
Os encargados de aupala no podio foron Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presididos pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei. Coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, os especialistas concedéronlle un premio consistente en 25.000 euros –o de maior contía da narrativa en galego– e a publicación da mesma. O escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962) exerce como profesor de Historia no ensino público e, entre outros galardóns, ten o “O Penedo” do Centro Galego de Barcelona, o de poesía “Vila de Rianxo”, o Premio Avilés de Taramancos de relato de aventuras, o XXIII Premio de Novela “García Barros” da Estrada ou o Premio de narrativa Manuel Murguía do Concello de Arteixo.
A súa conta de libros iníciase con “Paisaxes de Cinza” (Toxosoutos) en 2002 e nela atópanse obras como “Tres contos de guerra” (Colección Bourel), “A identidade fascinada” (Editorial Galaxia, 2015) ou “O noiro” (Sotelo Blanco, 2016).
Desde o verán de 2004 dirixe a iniciativa editorial independiente “Colección Bourel”, a través da que tenta o exercicio artístico baseado no obxecto libro, en modo artesanal e experimental.

O ribeirense Antonio Piñeiro gaña o segundo Torrente Ballester en galego

Te puede interesar