martes 1/12/20

Reportaxe | “Que o galego non sexa unha moda, que o fale todo o mundo. Sede vós mesmos”

Desde Cerceda a Coristanco, de Elviña a Monelos, “a mocidade galega está en pé”, dicía a actriz Isabel Risco preto da meta pola que pasaron máis de 2.200 rapaces conocedores da importancia de quitarlle as barreiras ao galego.

Os rapaces do CPI O Cruce de Cerceda fixéronse co primeiro premio no certame de pancartas | javier alborés
Os rapaces do CPI O Cruce de Cerceda fixéronse co primeiro premio no certame de pancartas | javier alborés

Desde Cerceda a Coristanco, de Elviña a Monelos, “a mocidade galega está en pé”, dicía a actriz Isabel Risco preto da meta pola que pasaron máis de 2.200 rapaces conocedores da importancia de quitarlle as barreiras ao galego. E se o IES Agra do Orzán optou por pasear no Correlingua a dona Rosalía e don Castelao, recordando aquelo de que “Galicia non é un país, é un mundo”, o IES Urbano Lugrís escolleu o logotipo dos Rolling Stones para lembrar que “a lingua nos une”.

A iniciativa de Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG e a CIG-Ensino avanzou paseniño por Monte Alto, virou pola avenida de Navarra para atravesar o paseo e alcanzar o faro. Seguindo a premisa do manifesto deste ano, asinado polos rapaces do Alfonso VII de Caldas de Reis, que falaba dun camiño longo e un pasiño curto, a marcha foi a ritmo tranquilo entre as coreografías de quenes pedían un galego sen cancelas, o lema elixido nesta edición.

E precisamente porque “somos a chave que abre as cancelas”, sostiñan os nenos de Monelos, os chavales correron pola lingua que “en pleno século XXI” poucas iniciativas ten ao seu favor: “Que uns adolescentes coma nós teñan que escribir un manifesto para defendelo” –berraba o escrito– era unha proba da súa indefensión.

Por esta situación, Marián, do CPI O Cruce, de Cerceda, expresaba polo altofalante: “Que o galego non sexa unha moda, que o fale todo o mundo. Sede vós mesmos, falade galego”. Acababan de gañar o primeiro premio da categoría de pancartas por terceiro ano consecutivo.
Da localidade con central térmica, “unha terra potente que saca enerxía do seu interior”, sinalaba Risco, os alumnos plantaban un dente de león con pétalos invadindo nas letras e unha palabra no medio máis alta cas demais, “semento”, como símbolo de loita nunha xornada na que os cativos do David Buján de Cambre tamén subiron ao escenario en segundo posición xogando cos muros que separan ao galego da vida cotiá: “Ningún filme comercial está dobrado ao galego”, rezaba o manifesto.

Tampouco existe un manual de autoescola en galego e nalgunhas facultades, a lingua ten unha presenza do tres por cento cun 0,1% de música que se conxuga no idioma de “Os Pinos”.
Os de Elviña quedaron de terceiros cun trozo de tea decorado con redes que apresan e non fan libre ás letras galegas e a festa terminou coa actriz impulsando o xesto de expresarse en galego, “a maneira de defender a nosa lingua e defendernos a todos nós”.

Coa cabeza alta
Os estudantes de Zalaeta leron o que maquinaron os compañeiros de Caldas de Reis e “coa cabeza alta e orgullo”, os cambreses marcharon de alí contentos polo feito: “Sempre nos tomamos moi en serio o Correlingua”, aseguraba Arancha, que engadía que nisto de participar na carreira polo idioma vai implícita a petición de que as ecuacións se despexen en galego, que está en xogo a súa pervivencia.

Pola súa parte, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, falaba a pé de pista do entusiasmo “coa nosa lingua, exhibíndoa con orgullo”. Situou á mocidade que participou activamente no evento, “fronte a esas persoas que pensan que o galego non é das rapazas guapas e que non serve para ligar, fronte a quen non está disposta a subir en blablacar se quen guía o coche fala galego”. Do que chamou “xeración Correlingua” compartiu a vontade de defender que “queremos falar galego con normalidade, sen que ninguén nos mire mal, sen que ninguén nos xulgue”, afirmou Goretti.

Comentarios