Reportaxe | “A cidade deulle a María Casares moita forza e seguridade no mundo”

Reportaxe | “A cidade deulle 
a María Casares moita forza 
e seguridade no mundo”
María Casares recordaba o vento que zoaba na cidade e o mar

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) promove o sábado ás 11.30 horas unha volta por aqueles lugares que pisou María Casares e que dan conta de que como aquí construiu unha personalidade libre. A experta María Lopo será unha das condutoras xunto co historiador Emilio Grandío, que se centrará máis no republicanismo, e Mabel Rivera, que lerá fragmentos das súas memorias. Entre os tres fabricarán un conto, o dunha muller que dá xogo, segundo Lopo, porque se ben pola parte de pai está toda a burguesía e os avogados francófilos, pola da nai se respira o obreirismo. Casares vén dunha saga de mulleres da Fábrica de Tabacos. A súa proxenitora non o foi, pero si traballou de costureira nunha sombrereiría e tivo a forza de buscarse unha segunda vida no exilio francés. Así é como o paseo arrincará da súa casa de Panaderas e irá até o Obelisco, onde a pequena paseaba, moi preto do Casino Republicano. Alí, había un recheo onde xogaba e vía desde a perspectiva dunha nena á sociedade coruñesa. O pelotón deterase no Rosalía para lembrar en alto o mitin das cigarreiras e en María Pita onde gobernou o seu avó Santiago Casares, que foi alcalde da cidade: “É unha coruñesa total”.

Desa francofilia conta María que quedan exemplares da biblioteca que tiña a familia. Son os que se salvaron do expolio fascista e que están na González Garcés. Lopo afirma que a intérprete foi unha nena feliz e moi aberta á natureza nesta punta atlántica: “A cidade deulle moita forza e seguridade no mundo. Aquí adquiriu unha base moi sólida como persoa e actriz”. Sobre cando apareceu a vea artística en María Casares, Lopo cre que a levou sempre dentro. Na Coruña, recitaba co seu pai. Despois, formaríase e conseguiría os primeiros papeis dunha traxectoria extensa que non pasou pola cidade, si por Madrid e Barcelona. Aínda así, a pequena Casares recorda Galicia con cariño. Non hai rencor polo que veu no 36 e deses primeiros doce anos de vida, María contou do vento que zoaba na península que mira a Irlanda, da humidade das rúas e o mar e dunha mellor amiga, Pilar López, que voltou a ver en Madrid tras a morte de Franco. Para participar no percorrido basta con escribir a comunicacion@aaag.es.

Reportaxe | “A cidade deulle a María Casares moita forza e seguridade no mundo”

Te puede interesar