Reportaxe | Cando a maxia non se limitaba ao que ocorría na pantalla

Reportaxe | Cando a maxia non se limitaba ao que ocorría na pantalla
O percorrido non pasará por alto o Colón como unha das salas referentes da cidade | pedro puig

O que hoxe está tapado por un enorme cartel de Abanca no Obelisco, era nos anos 60 un lugar de quedadas aderezado con carteleiras, cando non se facían grupos de whatsapp e todo se pactaba de forma presencial. Alí, estaba o cine Avenida e a poucos metros, o Colón, que eran máis ca salas.
Eran antenas que conectaban co mundo, en tempos onde a censura e os recursos non permitían estender o ocio máis alá de onde un durmía así que as películas que pasaban a barreira do que os de arriba consideraban indecente supoñían unha forma de tocar a liberdade para a butaca.


Unha delas que descubriu o mar vendo a piratas e vikingos loitar a través da pantalla, Xabier P Docampo, ofrecerá o 4 de novembro un paseo literario por aqueles sitios que lle influíron tanto. Acompañado por Martín Pawley, o experto contará unha época a través dos edificios que botaban estreas e das persoas que facían dese bonito costume algo máis que ver ficción e aplaudir ao final.
Docampo recorda a Chousa, o acomodador do Equitativa, que levaba unha corneta a Riazor para animar ao equipo. No cinema, poñíase serio: “Botounos a todos algunha vez”. Era un especie de autoridade que desapareceu do mapa como as artimañas que os adolescentes facían para entrar sendo menores de 16: “Soamente me impediron pasar unha vez e foi con ‘Espartaco’, pero ao día seguinte xa a puiden ver”.


Conta Xabier que un ano viu co seu amigo Tuto Vázquez 300 pelis: “Algún día íamos a dúas ou tres”. Por unha peseta cando tocaba horario infantil ás cinco adentrados xa nos 60, Docampo pasou parte da súa cativeza sentado en banco corrido porque antes non había separación e “as habían que ulían mal e tiñan pulgas, por iso as nais preguntaban a que sala íamos”. Os parásitos saltaban dunha cabeza a outra e no Kiosco Alfonso, unha mesma pantalla proxectaba para unha sala dun lado e para a outra, do revés. Por iso, os pistoleiros desa parte sempre manexaban a pistola coa esquerda.
E se o Colón e o Rosalía estaban considerados como as máis importantes, o París era longo e estreito como unha barra de pan: “Cando apareceu a tele dicíamos que a pantalla era como a televisión”.
Dun Goya que botou a primeira proposta de arte-ensaio no que se viu a unha muller desnuda parindo: “Neste tipo de cine a censura non se detiña tanto” ao Savoy, Docampo falará da maxia do cinema noutrora, coa que fixo amigos e coa que vibrou tanto que cando ía con compañía feminina, non eran quen de deixar de mirar para o frente.

Reportaxe | Cando a maxia non se limitaba ao que ocorría na pantalla

Te puede interesar