Reportaje | A arte de darlle unha volta aos tesouros que cuspe o mar dáse cita no Ceida

Reportaje | A arte de darlle unha volta aos tesouros que cuspe o mar dáse cita no Ceida
RetoqueRetro participou a semana pasada no Mercado do Mar en Méndez Núñez

Pola parte de Vigo, chámanlle “bichicomas”. As crebas son “achádegos” na Mariña e na Coruña e na costa da Morte, a especie humana que se adica a darlle unha segunda volta ao que escupe o mar cando se enfada leva o nome de “crebeiros”. Os “beachcombers” que peitean mareas polo mundo xuntaranse por segunda vez o 7 e 8 de outubro no Ceida (Centro de Extensión Universitaria e divulgación ambiental de Galicia) con sede no castelo de Santa Cruz. Capitaneados por Mar de Fábula, máis en concreto, por RetoqueRetro, virán crebeiros de Sicilia representando o pequeno movemento de limpeza e coidado do medio ambiente que mece a illa.


De Mallorca, intervirá Elisenda Franquet e os noruegos Prestgaard e Andersen falarán da concienciación a través de talleres para completar a posta en escena con Baltasar Portillo, de El Salvador, e o francés Emile Gireau, entre outros, dous escultores da reciclaxe. No segundo “Encontro Internacional do Lixo Mariño. Beachcombers around the world” non faltarán as sáidas aos areais coruñeses para limpalos.


Así, conta Isa García, de RetoqueRetro, que o reto comezará o martes que vén cunha primeira ás 11.00 horas en Gandarío. O mércores tocará Mera e o xoves, Orzán e Riazor, para sacar a porquería de Santa Cruz, ás 09.45 horas, o venres, e rematar o domingo ás 11.00 horas en Bastiagueiro.


O colectivo coruñés comezou a contactar con crebeiros doutras partes do mundo a través de facebook, onde comparten as pezas de arte que é a mellor forma de facer ver un problema como o da contaminación mariña: “A basura é desagradable, por iso que se colgas algo bonito, a xente párase a mirar”.


O evento xurdiu de forma natural cando un grupo de noruegos arribou en Portugal e de paso quixo “contactar con nós para facer algo xuntos”.


Non contaron con moita marxe de manobra, polo que moitos dos participantes dos que recibiron un si estiveron en Santa Cruz por medio de videoconferencias. Este outono, con máis tempo, a arte das crebas poderase respirar nun centro rodeado de mar e asistir a obradoiros de reciclaxe como os que ofrece RetoqueRetro. Eles levan recollendo tesouros desde hai cinco anos cando Isa, bióloga en paro, decidiu levar a súa creatividade polo mundo da reciclaxe.


Ana, restauradora, pensou o mesmo e Javi, escultor, uniuse ao equipo que moldea madeiras de salitre: “Os palos das praias foron o que tiveron máis éxito”. E despois de percorrer a costa unha e outra vez, concluíron que o que máis vomita o Atlántico son plásticos, que eles incorporan ás obras.

Mercadillos
Participan en mercadillos e talleres e pilotan iniciativas como a de Santa Cruz, onde se dará cita a asociación Brigadas do Mar, que cada ano bate o récord de limpar 45 kilómetros dunha praia de 75, situada preto de Setúbal, seis horas diarias durante once días.


Ademais, a actividade medioambiental rematará cos acordes de Fresquiños no mesmo castelo o sábado a partir das 20.30 horas.


Antes, os presentes concienciaranse da importancia de non botar residuos ao mar da man de quenes os manipulan a diario, que contarán a súa experiencia nunha posta en común que será de balde.


Bastará con encher os ocos baleiros dun formulario que se pode atopar na páxina web do Ceida. Dous días para enchouparse de todo aquilo recollido sobre a area, devolto polo mar e susceptible de ser reutilizado.

Reportaje | A arte de darlle unha volta aos tesouros que cuspe o mar dáse cita no Ceida

Te puede interesar