A RAG abre o catálogo do arquivo na rede con 3.750 documentos dixitais

A RAG abre o catálogo do arquivo na rede con 3.750 documentos dixitais

O internauta pode abrir xa unha nova fiestra na rede de 3.750 documentos dixitalizados, pertencentes ao arquivo da Real Academia Galega e vinculados á historia do país desde o século XI. Aínda que o catálogo o conforman máis de 32.600, a idea é ampliar cada día máis os fondos aos que se poden acceder cun simple clic.
A institución completou a migración de textos desde o antigo sistema de xestión á nova aplicación no contexto do proxecto Arquivo Dixital de Galicia (ARPAD), promovido polo Servizo Xeral de Arquivos da Xunta. A RAG activou na súa páxina, academia.gal, unha ligazón (http://academia.gal/arquivo-fondos) á web da devandita ferramenta, que dá acceso aos catálogos de máis de 30 arquivos de institucións galegas.
O cambio facilita a consulta do Arquivo da RAG á comunidade investigadora e a calquera persoa interesada na historia e a cultura galegas. Desde esta nova plataforma, os usuarios poden achegarse ás copias dixitais do 13% dos documentos que custodia o arquivo. Entre o dixitalizado, está o dos irmáns da Iglesia, que inclúe documentación relativa ao cerco da Coruña polos ingleses en 1589 ou os textos orixinais dos Xogos Florais celebrados na mesma cidade no ano 1861; o de Xohán Vicente Viqueira e a colección fotográfica de Pablo Beade, con imaxes de 1932 a 1987 de actos e actividades da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina.
O Arquivo prevé incorporar proximamente a colección de pergameos, con documentos de 1088 a 1756 de compravendas, foros, sentenzas xudiciais ou bulas. Están tamén xa dispoñibles manuscritos como o do poema “Os pinos” (letra do Himno galego) de Eduardo Pondal ou da obra teatral “O Mariscal”, de Ramón Cabanillas.

A RAG abre o catálogo do arquivo na rede con 3.750 documentos dixitais

Te puede interesar