Quique Peón Cía estrea no Rosalía a súa segunda montaxe, “Alendacroa”

Quique Peón Cía estrea no Rosalía a súa segunda montaxe, “Alendacroa”

 “Alendacroa” cheira a país. Unha fusión de varias cousas, da danza tradicional coa oriental e a contemporánea. Quique Peón explora na segunda montaxe da súa compañía as posibilidades que ten o movemento que emerxe desta punta do Atlántico para contar unha historia.

Conta o coreógrafo que ata o de agora non facía falta ter un motivo para bailar danza tradicional porque a conexión coa terra era dabondo para chegar ao público. O que cambia con respecto ao visto anteriormente, explica, é que en “Alendacroa” os sete profesionais que se suben ao escenario relatan un conto co corpo. En movemento.

Deste xeito, o que van ver os espectadores por vez primeira o venres e o sábado no teatro Rosalía é unha novidade. Que se centra na fusión e fala das lendas das mouras, moi populares noutros países celtas pero descoñecidos aquí. Proceden da Idade Media e conectan co submundo.

Trátase por tanto de poñer en valor este patrimonio popular para situar enriba do estrado ás fadas e aos elfos. A todos estes personaxes mitolóxicos sobre os que os escoceses e irlandeses están perfectamente documentados e que en Galicia, as súas historias varían segundo un estea en Paiosaco ou en Mondoñedo. A que se representará no auditorio é a interpretación da compañía despois de experimentar coa danza tradicional e exprimir as súas posibilidades nunha coreografía pensada por Ruth de la Huerga e o propio Peón xunto coa música de Pedro Lamas, creada exclusivamente para a peza e que vai na mesma liña da danza. Sométese ao contemporáneo.

A obra está concebida por actos con textos entre medias escritos por Yolanda Castaño. Unha hora e cuarto que desde hoxe ata o venres estarán ensaiando no Rosalía a modo de residencia técnica, mirando que todo estea a punto para ás oito e media do serán do venres.

Por outra parte, a segunda das funcións estará incluida dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Despois dun primeiro espectáculo, “Ovay”, que foi elexido polo Ministerio de Exteriores para xirar polas embaixadas e consulados de todo o mundo xunto a outras once montaxes, Quique Peón Cía propón agora algo totalmente distinto.

Quique Peón Cía estrea no Rosalía a súa segunda montaxe, “Alendacroa”

Te puede interesar