“O principio de Arquímedes”, de Teatro do Atlántico, gaña os María Casares con cinco premios

“O principio de Arquímedes”, de Teatro do Atlántico, gaña  os María Casares con cinco premios
QCASARES2 (7)_22440057-col

Partía como favorita e o foi. Con oito posibles, “O principio de Arquímedes” acadou cinco premios María Casares na súa vixésima edición, entre eles, o de mellor espectáculo e dirección para Xúlio Lago. A outra metade de Teatro do Atlántico e tamén actriz da obra, María Barcala, contou agarrada a unha desas xeras que cada unhas das montaxes que cociñan “cumpre un labor moi importante porque fai que o espectador pense e debata”, algo polo que hai que loitar porque “non debemos de deixar baixar a garda. Son moitos premios e esperamos poder seguir contando historias ao longo dos anos”. 
“Tomemos a dirección e a escritura do teatro”, dicía Iolanda Muíños logo de coller o tazón co busto de María Casares. Alberto Rolán, o seu homónimo na categoría dos actores secundarios, regaloulle a súa filla “universos enteiros” e Afonso Castro, como mellor iluminador, dixo aquelo de que “que dios nos dea mazás que as peras sabémolas facer nós”. Sendo actores do mesmo teatro, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Vicente Mohedano, recordou a María Casares e o que ela dixo no seu día: “O público é o último actor”. A el e para el, Chévere Teatro artellou unha festa na que a reivindicación estivo presente desde o primeiro minuto. A compañía situouse alén da precariedade para amosar aos incrédulos que din que o teatro galego é igual, que non o é, algo que corrobou no momento en que Miguel de Lira e Manolo Cortés introduciron o formato musical que tantos anos pasearon pola Nasa e que deron en chamar “Ultranoite” cunha peza homenaxe ás Irmandades: “20 homiños na Academia chegaron a onde chegaron, acordaron espertar á nosa terra do letargo para ser máis entre os demais”.  
E dos 20 homiños nada máis, os actores nados na mesma década que asomou a cabeza a AAAG foron os encargados de repartir os recoñecementos e Afonso Becerra, en calidade de mellor  adaptador por “O Principio de Arquímedes”, puxo sobre a mesa todos aqueles auditorios baleiros  durante a semana para que sexan caixas para o teatro e que o galego representa un mundo “cando se acabe, acabarase ese mundo”. 
Entre medias, a vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, encabezou o agradecemento do colectivo á revista “Galega de Teatro” coa entrega do premio de Honra Marisa Soto porque “cando ela chegou, nós (A Asociación de Actores e Actrices de Galicia) aínda non estabamos” e porque “unha publicación é a que garantiza a eternidade. Antón Lama Pereira, director da cabeceira, pediu compromiso. Tamén reclamou ambición a xornalista Montse Dopico, encargada de ler o manifesto polo día mundial. A freelance colocouno ao lado das letras minúsculas para animar a seguir nesa búsqueda da beleza, “que non é contrario de fealdade, senón de indiferencia”. 
Xa na recta final, Mela Casal compartiu premio coma protagonista en “Noiteboa” con Melania Cruz, que elevou a dúas e media as distincións que recibiu “Xardín suspenso”, a segunda da lista das máis recoñecidas. Toni Salgado subiu ao estrado na condición do mellor intérprete masculino por “O Principio de Arquímedes”, para acordarse do seu competidor “Morris” por non ter galardón algún na estantería. 
O protagonista sinalou que o sector debe estar preocupado polo público, “ter amor polo teatro que é o necesario para escoller porque nós somos o público, somos todos, coas compañía de teatro que pagan o 21% de IVE”. Por todo iso, reclamou en alto que “deixemos a cultura dos mamotretos e empecemos a ter unha cultura de público”. 
Pola súa banda, os coruñeses de Caramuxo Teatro erguéronse da butaca para recoller premio por “Feo!”. Alí, Juan gabou a todos “os que traballamos para a infancia e a xuventude, aos nosos mestres que non ensinaron a amar o teatro e a utilizar as artes como recurso educativo”. A súa parella de baile, Laura Sarasola, falou da creación como  unha experiencia diferente e agradeceulle ao equipo o esforzo por deixarlle vivir a súa maternidade, “se fose polo Estado tería que traballar moito antes”. 
Por último, Xúlio Lago adicou a distinción “aos que amades o teatro”, nun momento e un espazo adecuado para criticar e denunciar. Mais, “non hai interlocutor ao outro lado e hai que agardar os poucos meses que quedan para ter un punto de esperanza”. Namentres, pediu aos Concellos da Coruña e Santiago a creación dunha compañía residente que “posibilite que o teatro en Galicia sexa máis parello ao de Europa”. No seu caso, “O principio de Arquímedes”, foi o resultado de xuntarse cos mellores, unha peza gañadora coa que Teatro do Atlántico cumpriu 30 anos de existencia.

“O principio de Arquímedes”, de Teatro do Atlántico, gaña os María Casares con cinco premios

Te puede interesar