Preto de 50 artistas toman os bares para celebrar o Día das Letras Galegas

Preto de 50 artistas toman os bares para celebrar o Día das Letras Galegas
O grupo de intelectuais comezará ás oito en Troncoso un percorrido polos bares da zona centro susy suárez

 Unha serie de personalidades da cultura capitaneada por Lino Braxe, Olga Patiño, Xabier Docampo e Miguel Mato tomarán hoxe as rúas para levar as letras aos bares. Fontes de inspiración moitas veces de libros e obras de teatro. Desde a rúa de Troncoso á Estrella, pasando pola Barrera e Olmos, un grupo de preto de cincuenta intelectuais fará parada en 44 establecementos da zona para reivindicar o galego cunha cunca de viño na man e unha minicreación na outra.

A iniciativa xorde da case ausencia de actos institucionais polo Día das Letras Galegas. Se ben é certo que o groso da programación vai a ter como epicentro Vigo, por ser a cidade natal de Paz-Andrade, este grupo de persoeiros incidía onte no centro sociocultural de Novacaixagalicia na pasividade por parte do Concello ante unha festividade que se reduce a un concerto extraordinario no teatro Rosalía.

Por iso, eles recollerán as letras a iso das 20.00 horas e pasearanas polos locais de ocio ata 23.30. Unha vez entre a barra e as mesas, cada un dos creadores lerá un poema, dramatizará en directo ou interpretará unha peza musical nunha posta en escena colectiva que non durará máis de dous minutos por cabeza. Dicía Xabier Docampo que non queren ser pesados.

Deste xeito, os escritores, músicos e actores repetirán dúas veces a obra e farán partícipes á xente da cultura, amosando un pouquiño daquelo co que se gañan o pan. O chairego criticaba ao Concello e sinalaba que a razón de que non organizaran nada se debe a que “é un día demasiado galego para eles”. Docampo cría que a súa postura consistía en ir diluíndo a data coa intención de que a sociedade a fora esquecendo.

Pola súa parte, Lino Braxe explicaba que tiveron que acotar o percorrido por son moitos os bares que asoman o fuciño a esta cidade. Neste aspecto, elexiron os que teñen a súa denominación en galego “e que fan máis ca os políticos” xa que os turistas que se fotografían diante deles levan sen sabelo unha palabra en galego para a súa casa. Esta proposta sumarase a algunhas máis programadas para hoxe por distintas institucións.

O Día das Letras Galegas pasará polo teatro Rosalía coa actuación, ás 12.15 horas, do coro Cántigas da Terra, que lle dará un repaso ao repertorio popular coa interpretación de temas como “Terra Meiga”, “Foliada de Nostián”, Brincadeira” ou “Chascarraschás”. A entrada será libre ata completar o aforo do auditorio.

Aínda que a celebración oficial é hoxe, os actos comezaban onte nos distintos centros con recitais poéticos nas Bibliotecas Municipais, inspirados nos versos de Valentín Paz-Andrade, e unha lectura no centro Ágora á que asistían o secretario de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada da Xunta, Belén do Campo. As citas continuarán ao longo dos vindeiros días cunha moi especial nos mercados municipais o sábado, en concreto, nas prazas de Lugo, San Agustín , As Conchiñas, Elviña e Monte Alto. Alí terán acubillo a escrita de Paz-Andrade da man dos poetas e escritores Pedro Ramos, Antía Otero, Berta Roca e Miguel Curveira. Por outro lado, As Conchiñas albergará contacontos e talleres de maquillaje e malabares nos que participarán Maruxa Marxal, Coral Villa e Rebeca de Hitchcok, e en Elviña e Monte Alto, haberá unha mostra de arte urbano. Será así como Mano e Carlos Platas realizarán un grafiti facendo uso de caixas de froita. Pola súa parte, o Ágora será soporte o 24 e 25 de conferencias e O Castrillón será espectáculo multimedia, o 25.

Preto de 50 artistas toman os bares para celebrar o Día das Letras Galegas

Te puede interesar