Personalidades da política e da cultura lamentan a perda dunha figura clave

El Ideal Gallego-2012-01-06-007-af6d5830

  marta garcía márquez > a coruña    .

  Ao mesmo tempo que as axencias non paraban de disparar reaccións de personalidades da política e da cultura ante a morte do intelectual, os forneiros que un día seguiron as indicacións de Seoane e Díaz Pardo saíron da fábrica para renderlle un minuto de silencio. Eran as dúas da tarde. No outro lado da ría, Carlos Negreira saía do tanatorio Servisa asegurando que o galeguista tivo sempre a mirada máis alá ca dos demais e que Galicia tiña que devolverlle a Isaac en homenaxes o que non fixo en vida do artista.
Pouco antes desa hora, o presidente da Xunta, Núñez Feijoo, afirmaba desde Santiago que Díaz Pardo era un espello “no que mirarnos todos os galegos” e dous despachos máis adiante, Cultura erguía a voz en forma de comunicado para anunciar un acto reivindicativo da súa figura nos vindeiros días.
O seu titular, Xesús Vázquez, baixaba do coche oficial a iso da unha do mediodía para darlle o pésame a súa familia e amigos. Momentos despois falaba do pai do Laboratorio de Formas como un home que dinamizou a cultura en momentos difíciles e traballou “pola identidade do noso pobo”.
Ao mediodía, o ex reitor José María Barja, collía o teléfono e lembraba un día de 2006 que tinguiu de azul cobalto á Universidade. Díaz Pardo entraba daquela na institución cun birrete colocado na cabeza e dando pasiños pequenos. Acababa de ser nomeado doutor Honoris Causa.
Barja explicaba que o galeguista nunca entendeu de rixideces. Que seguía o protocolo coma el o entendía. Rompéndoo. Deste xeito, o intelectual sempre trataba ao resto desde o mesmo chanzo.

Premios > Industria, cerámica, edición, pintura, deseño, ensaio... Isaac tiña ademais de “Díaz Pardo” moitos outros apelidos que o fixeron merecedor de distincións como o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela, Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1993), Vieira de Prata do Padroado da Cultura Galega de Montevideo (1995), Premio Otero Pedraio das Deputacións Provinciais (1990), Insigna de Ouro (1991), e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela (1992) e da Universidade da Coruña (2007), entre outros.
Lonxe dos eidos institucionais, os amigos e a xente máis cercana dábanse cita en Servisa para despedilo. Ao teléfono, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, fuxía da necrofilia que se soe dar nestes acontecementos. Dicía que non era o mellor momento para facer valoracións pero que o primeiro que se lle viñera á cabeza nada máis enterarse da súa morte fora a imaxe dun construtor e gran promotor si máis tamén dunha persoa anciá e con certo desamparo afectivo, un segundo pai para Axeitos, “que me deu cariño e confianza”.
As forzas políticas do país quixeron expresar o seu sentir e se o PSdeG-PSOE reclamaba que se lle dese a este socialista confeso “o máximo recoñecemento posible e todas as honras que merece un persoeiro do seu calado”, os nacionalistas lembraban que a figura do intelectual “representou a defensa do autogoberno galego, de defensa da lingua e da cultura de Galiza”. A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, afirmaba pola súa parte que Díaz Pardo foi peza clave para entender o século XX. Por outro lado, desde Comisións Obreiras falaban dun loitador e dos “máis senlleiros expoñentes do compromiso galeguista”.
As distintas institucións manifestaban o seu pesar a través de escritos cunha Universidade de A Coruña, que destacaba a súa loita pola democracia e pola construción cultural e industrial de Galicia e un Consello da Cultura Galega, que definía a Díaz Pardo como nome de ouro non só da cultura, senon tamén da Historia Grande de Galicia.
Pola súa parte, Núñez Feijoo gababa a xenerosidade do finado ao ceder o ano pasado os seus fondos bibliográficos e documentais á biblioteca da Cidade da Cultura, preto de 16.000 volumes que terán acubillo no Gaiás.

El Ideal Gallego-2012-01-06-007-af8623d8El Ideal Gallego-2012-01-06-007-af95996d

 

Personalidades da política e da cultura lamentan a perda dunha figura clave

Te puede interesar