Os superheroes Ratman e Bobyn serán os condutores da gala dos María Casares

Os superheroes Ratman e Bobyn serán os condutores da gala dos María Casares
a concelleira ana fernández recibiu aos organizadores do evento

“Nada mellor que unhas ratas para falar de máis ratas”. Xúlio Abonjo será o día 27 na gala dos premios María Casares un roedor de cloaca xunto a Marcos Orsi. Os dous interpretarán no teatro Rosalía a Ratman e Bobyn para facer da entrega das xerras na festa da dramaturxia galega algo divertido aínda que o momento non permita moitos folgos. A celebración fará saír á parella das viñetas para ser “cómic-a” e gamberra porque os dous superheroes son a última esperanza: “E moi desesperados teñen que estar para chamarnos a nós”.
A compañía BaCaNa será o fío condutor nun evento no que se repartirán 13 galardóns polos que disputarán 17 montaxes. Pezas inmersas nunha situación que fala de 173 profesionais menos na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en relación con 2009 e 28 espectáculos, a metade menos con respecto a tres anos atrás.

A do 27 no Rosalía será unha festa “cómic-a” onde non faltará a reivindicación


Fronte a estas cifras nada optimistas, o colectivo lembrará a Vidal Bolaño, figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, que “de seguro nos sabería indicar os derroteiros polos que debería dirixirse o teatro galego”, dicía Manuel Guede –director do Centro Dramático Galego–. O camiño pasaría, sinalaba, pola non resignación. Para iso, a chamada de auxilio a Ratman e Bobyn.
Os personaxes subirán á superficie acompañados de música en directo de tal xeito que o espectáculo pasará por aliarse co rock. E os acordes dinamizarán as adicatorias de cada un dos galardoados. Cun 40% de orzamento menos que en 2012, a gala pretende ser unha vía de escape porque “a realidade é brutal, so nos pode salvar a ficción”, dicía Antonio Duran “Morris” parafraseando a Xúlio Abonjo. O evento será case retransmitido en directo pola segunda canle da TVG e haberá outra emisión máis tarde a través da cadea pública principal.
Aderezado coa mestría de Suso Montero e coa participación do Concello e o Agadic, a entrega das distincións contará tamén cunha parte reivindicativa dos que colleron a pancarta non hai moito tempo para aparcala na Cidade da Cultura. E chamar así a atención do que estaba a ocorrer coas partidas en materia cultural. Contaba Abonjo que o fixeran “en calidade de cidadás”. Para loitar por un sector que é sinónimo de educación e “que están xestionando mal”.
Por último, o poeta Cesáreo Sánchez será o encargado de ler un manifesto conxunto e Pilar Pereira recibirá o premio de honra Marisa Soto. A cerimonia celebrarase na data que se conmemora o Día Mundial do Teatro e terá a Marta Horjales na produción executiva. A música virá da man de Alejandro Casquero nos teclados, Fidel Vázquez á guitarra, Max Gómez na batería e Xacobo Prieto sendo baixo e voz. 

Os superheroes Ratman e Bobyn serán os condutores da gala dos María Casares

Te puede interesar