“Odiar, odiar non me odia ninguén, a non ser os da miña familia”

“Odiar, odiar  non me odia ninguén,  a non ser os da  miña familia”

Pepo Suevos pasará o 9 da taberna ao teatro Colón para mirar ao público. Dunha primeira radiografía visual, escollerá unha historia. Poñerase a chaqueta do dereito e do revés e levará ao público por cinco mil xardíns para que non quede indiferente. Velaquí a clave do conto.

É a primeira vez que son equipo enriba dun escenario?
Con eles si que é a primeira experiencia, pero como nos levamos tan ben os comediantes, tendemos a xuntarnos en macrogalas. Agora toca facelo nun formato instaurado de anos que pega duro. Teño ganas porque imos actuar en grandes teatros e isto supón saír da taberna que é o meu hábitat.

Neste caso, toca facelo nun formato que está sendo un éxito de hai anos.
Eu toco todos os paos coma no tute, pero aquí a xente está moi afeita a ver este formato. É como xogar na casa porque ten todas as condicións para que os que estemos enriba disfrutemos tanto ou máis ca os que están sentados. “Noite de retranca” permite poñer a xogar aos que che dea a gana. Dependendo da época e a dispoñibilidade dos artistas, podes variar o cartel e os humoristas case nunca repiten. Esa arma de facer rotar, dálle un toque fresco ao espectáculo.

De que falará no seu turno?
Empezamos na Coruña, así que farei o que fago sempre que até que chego alí e vexo o tipo de público, o target e comprobo se podo falar dun xeito máis ao burro ou sofisticado, non decido. Tamén teño en conta o que vai tocar o resto para non pisalos. Intentamos complementarnos. Se ti abordas as árbores de folla caduca, eu saco os toldos da feira e sempre funciona porque se hai homoxeneidade resulta un show dunha hora e pico dun humor que vai nunha mesma liña, pero se non a hai e un fala castelán e vaise ao urbano e o outro é máis de falar de vacas, isto tamén fai que o público se enriqueza. Sendo tres, é imposible empatar.

Resúltame imposible imaxinar o seu humor sofisticado.
O humor non se sofistica. Varías as formas, pero a clave da comedia é que o espectador non quede indiferente. Chegados a ese momento, daslle unha volta á cabeza aínda que sexa para que o público se pregunte: “Pero este é normal?”. Trátase de que non sexa monótono e ás veces hai que ir á contra porque o que está sentado pasa que no seu entorno non pode dicir esas cousas pero agradece escoitalas.

Que cousas son susceptibles de ser carne de monólogo?
Son moi amigo do actual. Ando alerta e son crítico co que pasa, pero sempre teño o recurso de botar man da biografía porque ti es dunha maneira porque o mamaches. Eu teño cousas na cabeza e cóntoas segundo me van vindo. Levo un fío argumental e sei onde quero chegar, pero polo camiño métome en cinco mil xardíns. Repito historias, si, pero con cousas diferentes. É como acontece na vida tamén. Ti sabes unha historia cunha serie de gags que están en plena evolución. O que sempre interesa é o sexo, a política e a relixión porque hai controversia e nese aspecto, son imprevisible e chaquetero. Sei que o punto de vista que teño non lle vai gustar a todo o mundo, por iso meto o punto de vista dun crego que é o personaxe dese momento e vou atopando o equilibrio. Na política, toca zouparlle á dereita que son os que gobernan, pero recordo tamén aos que estiveron antes e así vai repartido como na lotería. De momento non me vai mal, aínda que algún enfado puntual si que o tiven, sobre todo, nos bares onde a xente vai máis aliñada. Todo se arregla pedindo perdón porque odiar, odiar non me odia ninguén, a non ser os da miña familia.

“Odiar, odiar non me odia ninguén, a non ser os da miña familia”

Te puede interesar