O terceiro Daisy Market será en setembro escaparate e congreso para os deseñadores

El Ideal Gallego-2011-04-28-012-97ec67d9

  m.g.m. > a coruña

  ExpoCoruña acollerá o 24 e 25 de setembro unha terceira edición do Daisy Market para a que introducirán un Summit, co fin de que os creadores de moda teñan un espazo no recinto para poder participar en mesas redondas, presentacións e “cases estudies”.
Este novo apartado fará que os profesionais se cuestionen aspectos como as novas canles de venda e a comunicación co cliente, o salto que protagonizou o mundo do deseño á apertura de tendas, a estacionalidade das coleccións, a internacionalización e o financiamento ou os novos modelos de negocio.
Para iso, o showroom contará coa intervención de expertos en cada unha das áreas a tratar e as bloggers Ariadna Ferret, Mayte de la Iglesia e Nana Santaella. Ademais, os asistentes poderán recibir os consellos de Reza Ghassemi, que ocupa o posto de senior account manager de Google ou os dos creadores e deseñadores das marcas La Casita de Wendy e D-Due, entre outros.
A nova entrega da feira de moda foi presentada onte pola directora de ExpoCoruña, Ana Montes, xunto a algúns dos participantes. Eles explicaron que o Daisy funcionará este ano como escaparate e congreso, abrindo así un novo marco para os profesionais. Montes sinalaba que o programa vén dunha investigación sobre os temas que máis lle preocupan ao sector co obxectivo de darlles unha resposta, “buscando aos expertos que podan axudarnos a facelo”.
Ademais, o mercado non so ten lugar nos dous días de setembro. ExpoCoruña ofrece durante todo o ano actividades relacionadas co deseño.
Durante o 24 e o 25 a programación intensificarase e organizaranse cinco obradoiros, que serán impartidos por profesionais de referencia. Eles compartirán cos alumnos a súa experiencia nos distintos ámbitos do mundo da moda. En concreto, haberá un taller de creación de bolsos por NGBags, a cargo de Noelia Gonzalo, que en 2001 creou a súa propia marca de roupa e complementos, Ngexclusive, que comercializa desde a súa tenda en Xixón.
A deseñadora Inés Aguilar, de La Casita de Wendy, impartirá “Creación de Empresas de Moda”, despois de xestionar a firma e traballar en estampados para coleccións de Sybilla e Ágatha Ruiz de la Prada.

Asidua a Cibeles > Os coruñeses poderán aprender a facer unha falda nun día grazas ás premisas de Krizia Robustella, que fixo do “sport deluxe” un xeito de vestir. A experta é asidua do EGO da Pasarela Cibeles e acaba de recibir o premio Mentos 080 Barcelona Fashion á mellor colección masculina e feminina.
Por outra banda, o Daisy Market abrirase ao mundo da estampación coa presencia de Nando Cornejo, que é empresario da marca que pensou con Silvia Salvador en 2005. As súas propostas pasean na actualidade por todo o mundo e o estilo que lle confire ás prendas ten que ver cunha visión moi persoal do deseño gráfico.
Por último, a xerente da empresa Saturna, Alicia Dapena, profundizará sobre o estilismo nos mundos audiovisuais: cine, na televisión e na publicidade, co fin de aglutinar o ámbito da imaxe e asesorar sobre un correcto vestiario.


 

O terceiro Daisy Market será en setembro escaparate e congreso para os deseñadores

Te puede interesar