O teatro Rosalía acolle mañá a estrea da peza de danza mestiza “Seisdecatro”

El Ideal Gallego-2011-10-14-015-fe3759a6

 marta garcía márquez > a coruña
  Nunha especie de cruce de culturas, Costa Rica foi cómplice hai un mes da estrea da peza de danza “Seisdecatro”, no que os protagonistas rapidamente se calzan unhas zocas ou as esparcen polo chan para seguir os ritmos duros daquelo que chaman electrónica.
O proxecto “Seisdecatro” responde ao traballo conxunto das compañías galegas Sólodos, Pisando Ovos, La Macana e Quique Peón Cía, que chega mañá ao teatro Rosalía para falar de mestizaxe, algo que neste caso pasa tamén polo feito de que os seis bailaríns aprenden os uns dos outros e fan cousas que, por separado, serían imposibles.


É así como os seis pensaron no cotián para recrear escenas e artellalas nunha peza que tivera sentido. Dicían os artistas na presentación que os actos que representan a través do corpo e de distintos obxectos beben da poesía. Son sutís porque fan arte dunha pila de mazás ou dunha cana de pescar. Trátase dunha sinerxia en movemento.
Os seis profesionais contamínanse das súas experiencias para poñelas todas en común e se Quique Peón tira do cancioneiro popular, Rut Balbís e Caterina Varela portan cestos na cabeza e os seis terminan por arrastrarse polo “tatami” contaxiados polas emocións. Seguindo o que marcan os temas compostos para a ocasión polo músico Soyuz.
O espectáculo, que está coproducido polo Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Neodans S.C., a Compañía Nacional de Danza e o Ministerio de Cultura y Juventud de Costa Rica, arrancou e colleu forma no país centroamericano. O director de Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, comentaba que cando a proposta chegou aos despachos, tivérono claro. Estaban diante dunha unión temporal de empresas con catro das compañías máis relevantes do país e o aliciente de chupar tamén do se que move en Costa Rica.
A concelleira de Cultura, Ana Fernández, engadía pola súa parte que “siempre he creido que el mestizaje cultural hace aflorar lo mejor que cada artista” e, en este caso, o que se está a presentar é o resultado do esforzo de catro compañías que traballan desde hai tempo por dignificar os terreos da danza. A máxima é levar a arte en todas as súas variantes a un público diferente, que non entende de encasillamentos. Na primeira das representacións, o grupo aproveitou a ocasión de actuar en Costa Rica para ofrecer unha mostra de danza galega.

Intérpretes > En concreto, Erick Jiménez, Maruxa Salas, Rut Balbís, Alexis Fernández, Caterina Varela e Henrique Peón subiranse mañá ao escenario do Rosalía para rachar as fronteiras establecidas e crear planos de fantasía e realidade. Eles representarán a rutina envolta nunha atmósfera surreal que fará que o espectador vexa situacións que nun principio parecen normais pero que acaban por resultar improbables. Fantásticas.
A montaxe xirará nos vindeiros meses polas cidades de Ourense, Pontevedra e Ferrol, dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas poden adquirirse a través do servizo de televenda, no teléfono 902 504 500, no propio Rosalía o día da función, e na billeteira da praza de Ourense.
Seis creadores achegan unha vida adicada á danza ao teatro para que o espectador o desfrute a ritmos diferentes segundo o dicte a música. Que é vida e destrución. Surrealismo. Un caldo de creación servido con culler grande. Para que non se desperdicie nin gota.

 

O teatro Rosalía acolle mañá a estrea da peza de danza mestiza “Seisdecatro”

Te puede interesar