O Proxecto Dorna rexistra os tipos de embarcacións e estaleiros vivos

El Ideal Gallego-2011-04-14-013-4f9e070b

marta garcía márquez > a coruña

  O Proxecto Dorna, liderado pola Deputación e cofinanciado polo Programa de cooperación transnacional Espacio Atlántico, dá os seus primeiros fillos. Trátase das dúas primeiras publicacións dun total de seis, nas que o Colexio de Arquitectos de A Coruña e a institución provincial traballan xuntos para inventariar todas as embarcacións tradicionais que están amarradas nos portos galegos. Editáronse un total de 2.000 exemplares.
Ademais, ofrecen un listado dos carpinteiros de ribeira, que apuntalan a madeira para que flote na auga. Óscar Fuertes foi o encargado de coordinar todo o traballo de investigación do que son, en realidade, auténticos elementos do patrimonio galego. Tanto as dornas e os galeóns como os estaleiros representan parte da riqueza dun país que presume de ser o que máis traballadores agrupa en torno aos botes e as distintas variedades que existen segundo a ría no que un se atope.
Deste xeito, o proxecto impulsa estes valores ancorados na costa para que sexan un aditivo que atraia a turistas e fagan máis completo o conxunto de baluartes. Contaba o presidente da Deputación, Fernández Moreda, que neste plan están inmersos, ademais de Galicia, Euskadi, Portugal e Escocia, para evitar a gran perda que sería o feito de que todos estes arquitectos do mar desaparecesen.
O presidente da delegación coruñesa do COAG, Manuel de la Iglesia, sostiña o interés que o colectivo ten en todo o que se constrúe no ámbito urbano, rural e costeiro e agradecía poder colaborar para inventariar cales son os patróns dun territorio que non se entendería sin a súa cultura atlántica.
En total, o libro rexistra 320 embarcacións tradicionais, nas que están inscritas as gamelas, nas variantes que presenta se están varadas en A Guarda ou na ría de Muros; a chalupa balleneira, a motora “chipironeira” ou o bote “pulpeiro de Ferrol”, para pasar ao mostrario que ofrece Portugal, cos barcos rabelos típicos de O Porto ou as canoas. Todos estes modelos forman parte dunha base de datos sobre a que operarán nas seguintes publicacións. No caso do libro que fai referencia aos estaleiros, os que están, 131, alertan das dificultades polas que pasan para subsistir. Aínda así, Galicia é da franxa atlántica a que presenta máis puntos no mapa de construtores navais tradicionais, cunha ría como a de Muros e Noia, que ten catro.
Dicía o autor do traballo que este tipo de empresas viven de costas ao mundo, “é un sector en loita pola supervivencia”. Vén sendo un oficio que aúna a habilidade por traballar a madeira e o coñecemento herdado dos ancestros de como construír os distintos tipos de barcos, un patrimonio que se foi pasando de pais a fillos e que agora está en perigo de que se perda.
O Proxecto Dorna centrarase nas próximas pescudas en poñer en valor estes centros tradicionais coa recuperación dun deles. Chámase “Charango” e está na localidade de Tal, en Muros. Son 900 metros cadrados que falan de historia e riqueza en torno ao mar, a base do pote que cociña Galicia desde sempre. Fuertes sinalaba que existen dez estaleiros en pé. O obxectivo do plan está en recapitular os coñecementos que gardan no seu intestino.


 

O Proxecto Dorna rexistra os tipos de embarcacións e estaleiros vivos

Te puede interesar