jueves 19.09.2019

O fillo de Parga Pondal doa á RAG o mecanoscrito de “A rosa de cen follas”

A RAG presentará mañá unha nova xoia que pasará aos arquivos da institución xunto a outras igual de importantes e dentro do legado da familia Parga Pondal. Trátase do mecanoscrito orixinal do libro “A rosa de cen follas” (1927)

A RAG presentará mañá unha nova xoia que pasará aos arquivos da institución xunto a outras igual de importantes e dentro do legado da familia Parga Pondal. Trátase do mecanoscrito orixinal do libro “A rosa de cen follas” (1927), de Ramón Cabanillas, que contén unha adicatoria a Enrique Peinador, o sogro do xeólogo e avó do que ten a ben trasladar a peza á rúa de Tabernas, en calidade de doazón.

O fillo do creador do Instituto Xeolóxico de Laxe, Jorge Parga Peinador, entregará na academia unha obra que ten o selo como moitas outras do poeta en sinal de agradecemento á familia Peinador, que se encargou de editar moitas das obras do que se coñece coma “O Poeta da Raza”.

Conta o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, que os Peinador, de tendencia galeguista, pertencían á burguesía galega. O mesmo Enrique militou como secretario xeral do Partido Galeguista e publicou cousas tamén de Castelao, ademais de ser socio protector do Seminario de Estudos Galegos, académico correspondente da RAG e artífice da constitución do concello de Mondariz-Balneario en 1924. Engade que no caso de Cabanillas, o escritor mantivo un trato familiar de anos cos Peinador. Por iso que ademais do volume, existen unha serie de documentos gráficos que confirman esta relación de amizade. Así é como o neto completará o agasallo cunha serie de instantáneas da época na que saen os seus devanceiros máis o autor xunto a varios poemas orixinais.

Deste xeito, os fondos da institución medrarán cunha nova entrega que sumar ás feitas por esta familia e a outras que adquiriu a RAG ao longo dos anos. Explica Axeitos que os libros procedentes da biblioteca humanista de Parga Pondal teñen case todos moitísimo valor para Galicia. No caso da doazón, o feito de contar co mecanoscrito de “A rosa de cen follas” é para o secretario algo excepcional.

vinculación

A vinculación de Isidro Parga Pondal cos Peinador vén despois de formalizar matrimonio cunha integrante da familia. Hai que lembrar que o sobriño neto de Eduardo Pondal foi quen de mudar a forma de impartir clase na Universidade de Santiago, cando alumnos e profesor pasaron a compartir tempo de ocio e investigación, incorporando á muller neses equipos de traballo.

Pola contra e como consecuencia da Guerra Civil, Parga Pondal era purgado do seu posto de mestre polas súas ideas. Foi entón cando se fixo cargo das empresas Kaolines de Lage e Titania S.A., xunto aos Hijos de Antón de Marcos. Co diñeiro obtido, Isidro e os seus socios fomentaron a recuperación da cultura galega creando o Instituto Xeolóxico de Laxe.

Neste tempo traballou tamén para a empresa Zeltia aos que lle presentou un informe indicando abundancia de calcárea en Samos. El marcaría o principio de Cementos del Noroeste S.A para volver á docencia e recibir numerosas distincións. Despois de perder a súa muller e o seu fillo José Ramón nun accidente, Isidro cedería en 1978 o Laboratorio a Isaac Díaz Pardo.

Comentarios