O COAG reivindica o coidado da prisión no Día Mundial da Arquitectura

El Ideal Gallego-2011-10-04-012-caab5dba

 marta garcía márquez > a coruña
  O COAG quixo celebrar onte o Día Mundial da Arquitectura diante dun panóptico que desde xuño está roto en pedazos como unha forma de reivindicar o coidado que precisan certas arquitecturas. As que teñen cousas que dicir aos que están aínda por vir.
Sen dúbida, o cárcere entra dentro dos parámetros polo histórico e as formas, que repiten en esencia ás que un día trazaron para construír a primeira prisión Modelo en Moncloa, e que logo reproducirían en Carabanchel, Barcelona, Zaragoza e Valencia, onde un Luis Berlanga se inspiraba para berrar en seco “Todos a la cárcel”.

Ante un futuro, o do cárcere, que leva meses no aire, a visita de onte dos profesionais permitiu o choque de posturas.
Por unha parte, os arquitectos, en nome do catedrático José Ramón Alonso, mantiñan a idea de que calquera que fose o novo uso que se lle dera ao inmoble, este tería que respectar as estruturas arquitectónicas. Estas deberían prevalecer incluso diante dos intereses sociais. Alonso manifestaba que un emprego acelerado do mesmo, seguindo o mesmo ritmo co que se determinan as cousas na actualidade, implicaría a posibilidade de perder un edificio que polo seu valor é de interese.
El Ideal Gallego-2011-10-04-012-cabb12e0Pola súa parte, o alcalde que tamén aproveitou o percorrido libre dos arquitectos para achegarse ata a infraestrutura sinalaba que en todo caso, a decisión de encher as celas dunha cousa ou doutra viría do consenso, prevalecendo sempre a resposta que máis se axeitara ao espazo a tratar.

Proxecto > Entre os curiosos que non quixeron perderse o feito de contemplar un trozo da historia, estaba tamén un grupo nutrido de rapaces con camisetas amarelas. Nelas podíase ler: “Proxecto Cárcere”. Pode que a día de hoxe non haxa ningún outro colectivo que coñeza mellor o seu interior e as posibilidades que presenta o bloque de formigón para desenvolver toda unha serie de iniciativas que partirían dos coruñeses. Sen máis. Eles aseguran que non precisan de cartos. O cárcere sumaríase así a outros exemplos de autoxestión onde son os propios artistas, divulgadores e persoas con algo que dicir os que enchen de contidos este tipo de espazos.
Divididos por grupos, o colectivo duns 214 membros leva meses axustando a natureza da prisión aos distintos usos sen obter ningunha resposta por parte do Concello. Silvia Seoane, da plataforma, comentaba que en María Pita xogan coa baza de que aínda non pagaron o que teñen pendente para que o cárcere pase de ser propiedade estatal a municipal. A representante cre que, en realidade, o Goberno local non está interesado na xestión do mesmo.
Os que si están interesados, afirma, son as distintas asociacións que chaman constantemente a Madrid para pedir un oco na prisión e os que participaron nas xornadas de xuño. Na convocatoria, contaba Seoane, déronse cita artistas plásticos que colgaron a súa obra e músicos sen a necesidade de tramar unha loxística. Todo partiu da iniciativa cidadá.
Fronte ás declaracións dos arquitectos de respectar a construción, a asociación ten claro que non modificaría a estrutura en ningún dos casos para dotar ás paredes con historia dunha mantemento necesario, iso si.
Por riba das alternativas que estudian para o cárcere, –un parador, un centro de interpretación da Torre de Hércules ou un espazo para a difusión cultural e social–, o certo é que o edificio está cada vez máis degradado. O panóptico que serviu de punto de información para moitas das actividades que se celebraron neste tempo de suspense xa non ten cristais. Están todos espallados polo chan dunha obra que é obxectivo de actos vandálicos constantemente.
El Ideal Gallego-2011-10-04-012-caadfaa8“Proxecto Cárcere” non quere que algo así se perda e segue traballando e organizando asambleas para salvagardar un pasado que ten que ver cos presos da ditadura porque aínda que a construción do edificio data de 1927, non foi ata despois do 36 cando adquiriu un verdadeiro protagonismo por albergar a quenes non eran conscientes de seren internos políticos.
Por outro lado, contaba Alonso que a antiga prisión era a neta dese primeiro centro Modelo de Madrid cunhas galerías que se asemellaban ás de Alcatraz e con celas de dimensións parecidas ás dunha habitación de residencia universitaria, máis amplas do que acostuman. A que mira de fronte á Torre, dicía o experto, non se pensou como un exemplo de amoreamento poboacional. Antes, comentaba José Ramón Soraluce –catedrático da Escola Superior de Arquitectura– estaba a prisión do Parrote, que funcionou durante 250 anos pese a que tiña o condicionante de que cando subía a marea, o edicio inundábase e que  nel os homes e as mulleres estaban mesturados.
Contaba Negreira que aínda que de neno non sabía o uso que se lle daba ao edificio de cor vermella, o que percibía desde lonxe nunca lle dera boas vibracións. Haberá que esperar entón ao que deparará unha segunda vida.

 

O COAG reivindica o coidado da prisión no Día Mundial da Arquitectura

Te puede interesar