O CGAI estrea o filme “Milímetros”, sobre escenas galegas dos anos 30

El Ideal Gallego-2011-12-10-014-240bec77

  redacción > a coruña    .

  O CGAI estrea hoxe, ás 18.00 horas, o filme “Milímetros”, de Xes Chapela, despois de que o director traballase sobre unhas cintas esquecidas durante máis de sesenta anos nun baúl que gardaban tesouros do pasado, en concreto, de 1929 a 1932.
As latas descubertas son gravacións de José Bellver, un xuíz leonés que foi trasladado a Cambados a finais dos anos vinte para exercer nun xulgado de primeira instancia, onde desenvolveu a afección de recoller escenas costumistas galegas, un pasatempo que continuaría máis tarde en Redondela e Caldas de Reis. O autor plasmou así o paso do tren, as pescantinas, as festas da Coca en Redondela, un zepelín sobre Cambados e a mesma Torre de Hércules, para sumarlle unha curtametraxe de ficción.
Contaba Chapela na presentación que a peza está protagonizada polos seus amigos e vai sobre un amor non correspondido. O que se vai poder ver na película producida por Matriuska é o mellor de tres horas de filmación atopadas ás que Chapela lles dá un novo significado.
Deste xeito, unha viaxe en tren de principios do século pasado ten como banda sonora a megafonía que se pode escoitar cando un sube no ferrocarril que comunica todo o eixo atlántico.
Trátase dunha clara aposta formal con cinco formatos diferentes que fan que o espectador aprecie distintas texturas nun proxecto de 52 minutos que transcorre entre o verde e o mar que un día recolleu Bellver e que ficou seis décadas nun caixón ata que en 2009, un neto do xuíz levou as latas a un estudo de Pontevedra e puido ver que entre tanta paisaxe, tamén estaban todos os seus tíos saudando á cámara.
O trozo de patrimonio fílmico revela unha nova faceta do autor, xa que si se coñecía o seu legado fotográfico cunha colección de instantáneas expostas no Museo de Pontevedra, xunto a unha publicación con imaxes que data de 1981 pero ninguén era consciente de que ademais da fotográfica, Bellver levaba sempre consigo unha cámara de vídeo para retratar Galicia cando case ninguén podía. Non deixou de facelo ata que morreu en 1968.


 

O CGAI estrea o filme “Milímetros”, sobre escenas galegas dos anos 30

Te puede interesar